O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dalgunhas das actuacións, que se executan en sete parroquias ao abeiro do Plan Marco da Consellería do Medio Rural
As obras execútanse ao abeiro do Plan Marco da Consellería do Medio Rural. As do bienio 2023-2024 xa remataron e estanse a desenvolver as do período 2024-2025; as dúas edicións suman un orzamento concreto para o presente ano de 129.300 euros. En xeral, acométese a limpeza de noiros, rexeneración da capa de rodadura e colocación de sinais verticais onde proceda.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe os traballos executados no camiño que dá acceso ás poboacións de Liñares, Gardamil e Cabanas -nas parroquias de Rioaveso e Oleiros-, enlazando a estrada autonómica LU-120 coa estrada provincial LU-P-6510.
Nesta zona arranxáronse máis de 5 quilómetros entre a vía principal e a variante que tamén conecta co núcleo de Cabanas. Así mesmo, reforzouse a drenaxe en varios puntos e colocáronse sinais verticais de STOP nos cruces.
Nos últimos meses completáronse traballos similares nos camiños de Barbeitas, cun total de 1,7 quilómetros na parroquia de Sancovade, e no que atravesa Graduín ata rematar en Fabás, con 1,8 quilómetros en Goiriz.
Próximos proxectos
No que respecta ás actuacións a acometer ata o vindeiro ano, a de maior entidade será a que afecta á parroquia de Alba, atravesando os barrios de As Turbelas, O Curro, Cordal e Meire ata rematar na igrexa e cemiterio de Belesar. Actuarase en 4,5 quilómetros aproximadamente, tanto da vía principal como dunha ramificación de 490 metros que conduce a distintas vivendas e parcelas agrícolas en dirección Norte.
Igualmente, nas parroquias de Rioaveso e Román vanse reparar 1,1 quilómetros no acceso á Bardela e 1,8 quilómetros na pista a Cartemil desde a estrada autonómica LU-120.
Javier Arias destacou o investimento que realiza a Xunta no Plan Marco, con máis de 9,2 millóns de euros distribuídos na provincia de Lugo entre as dúas últimas convocatorias. Neste sentido, lembrou que “o mantemento das infraestruturas rurais resulta fundamental para contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal, mellorar as condicións de vida e de traballo e, en definitiva, impulsar a cohesión social e territorial”.