O marco territorial do convenio está constituído pola área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e as áreas sanitarias con cabeceira en Jarrio e Cangas de Narcea, en Asturias
O marco territorial de colaboración compóñeno a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e as áreas sanitarias asturianas con cabeceira en Jarrio e Cangas do Narcea. Deste xeito, o ámbito de actuación inicial beneficia á veciñanza da parroquia asturiana dos Coutos, con arredor de 50 habitantes.
No caso da atención primaria, inclúese a atención sanitaria programada, así como a demanda no centro de saúde asignado, e a atención continuada.
A poboación de referencia será derivada ao centro de saúde e á zona especial de urxencias de Navia de Suarna (Lugo), situada a 26 minutos en coche fronte aos 45 minutos do seu centro de referencia, en San Antolín de Ibias (Asturias).
O centro de saúde de Navia de Suarna conta no seu cadro de persoal cunha médica, unha enfermeira e persoal administrativo. O número de tarxetas sanitarias que atenden é de 872, das que 837 son adultos, mellorando notablemente as recomendacións das sociedades científicas que sinalan que os cupos non superen as 1.500 tarxetas.
A atención hospitalaria será prestada polo Servizo Galego de Saúde a través do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e incluirá a asistencia sanitaria urxente, consultas externas, hospital de día ou internamento cando sexa necesario. Neste caso, o tempo de viaxe verase reducido de 1 hora e 45 minutos a preto de 1 hora.
Transporte de pacientes
Con carácter xeral, todos os traslados interhospitalarios e o traslado dos pacientes derivados para ser atendidos na comunidade limítrofe correrán a cargo do Servizo Galego de Saúde, establecéndose mecanismos de colaboración entre as centrais coordinadoras de urxencias e emerxencias. Nos casos de urxencia vital ou tempo dependente, os servizos de emerxencias de ambos os servizos de saúde poderán solicitar a mobilización dos medios dispoñibles para unha correcta cobertura da situación.
En canto ás prestacións sanitarias facilitadas polo convenio, os gastos serán compensados polo Fondo de Cohesión Sanitaria ou o Fondo de Garantía Asistencial (Foga). Ademais, o Servizo de Saúde do Principado de Asturias (Sespa) comprométese a compensar o Servizo Galego de Saúde polos gastos incorridos por mor do desprazamento dos seus profesionais sanitarios ou por necesidades de reforzo de persoal no ámbito territorial de colaboración.
Galicia atende pacientes de León e Portugal
As zonas limítrofes constitúen un caso particular na organización dos servizos sanitarios, onde debe primar a funcionalidade sobre a dependencia orgánica para o beneficio da cidadanía. Nesta liña, o Goberno galego quere evidenciar a importancia da colaboración entre comunidades nos ámbitos de xestión e prestación de servizos sanitarios, permitindo a flexibilización dos seus sistemas e a mellora da atención sanitaria.
Así, a Xunta mantén un convenio similar con Castela e León polo que o Sergas atende no distrito de Valdeorras a pacientes de municipios pertencentes á comarca do Bierzo e, en Verín, a pacientes de Alta Sanabria. De forma recíproca, pacientes do municipio ourensán de Rubiá, concretamente da parroquia de San Cristóbal de Quereño, son atendidos pola Sanidade de Castela e León (Sacyl) no centro de saúde Puente Domínguez Flórez (provincia de León) se así o desexan. Igualmente, está prevista a derivación de urxencias ao Hospital do Bierzo (en Ponferrada).
Ademais, Galicia tamén presta asistencia sanitaria urxente nas zonas limítrofes con Portugal a través da Memoria de entendemento asinada entre a Consellería de Sanidade e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica do Goberno portugués. Este acordo establece o marco normativo para desenvolver, a través do 061, a colaboración sanitaria nas emerxencias entre Galicia e o Norte de Portugal.
O convenio de colaboración con Asturias autorizado hoxe polo Consello da Xunta ten unha vixencia de catro anos e é susceptible de ser prorrogado.
Sanidade galega á vangarda en informática
No eido das tecnoloxías da información e comunicación e de datos, a Xunta é un referente para outras comunidades autónomas na xestión da sanidade pública. De feito, a Consellería de Sanidade tenlle cedido a aplicación informática que xestiona os programas de cribado de cancro tanto a Asturias como a Cantabria.
A través deste sistema, denominado CRIIS, a Xunta realizou preto de 3 millóns de invitacións a participar nos programas de cribado, que supuxeron máis de 2 millóns de probas realizadas. Con esta aplicación, entre outras cousas, realízase a selección da poboación albo, a xestión das citas para probas e os seus resultados, e o seguimento de pacientes con resultados positivos.
Así, Galicia pon á disposición dos gobernos asturiano e cántabro, de forma gratuíta, todas as funcionalidades deste programa informático.