“Anunciamos que, en paralelo, imos solicitar formalmente ser recibidos polo secretario xeral do PSdG-PSOE na provincia de Lugo para exporlle a nosa situación e solicitala súa intervención”
Foz, 1 de Setembro de 2024. Tras diversas reunións co alcalde e a concelleira de asuntos sociais, o 18 de xuño deste ano a Plataforma presentou no rexistro do Concello de Foz un escrito no que se resumían as que, “o noso entender, poderían ser algunhas das solucións ó problema ó que nos estamos a enfrontar, que xa lle foran expostas de palabra nos devanditos encontros previos. Fíxose así coa idea de que este documento servise de punto de partida para unha negociación, e así se lles explicou, repetidamente, tanto o señor Cajoto como a señora Rojo, ó tempo que se lles solicitaba que os servizos xurídicos do Concello fixesen una avaliación das mesmas”.
“O 27 de agosto, e téndose celebrado polo camiño outro sen fin de encontros de todo infrutuosos, a Plataforma recibiu unha resposta escrita ao mesmo: dous meses e medio despois. O tempo que se tomou o señor alcalde en contestarnos contrasta coa febril actividade que despregou os pasados días 4 e 5 de Xullo para que se eliminase canto antes calquera obstáculo para a firma do novo contrato que tanto ansía: en menos de 24 horas non tivo ningún problema en dispor dun detallado informe xurídico para avaliar a documentación que lle fora presentada por unha das empresas licitantes. Documentación que, por certo, foi aportada por esta tras o requirimento do Concello nun tempo tamén de récord: menos de 12 horas. A vista de estes feitos demostrables que a cidadanía saque as súas propias conclusións sobre a diferencia de trato a uns -empresa- e outros -usuarios-, e sobre a rechamante sincronía entre as actuacións do Concello e da empresa licitante, da que estamos seguros veremos nun futuro próximo novos exemplos”.
“En calquera caso, a resposta recibida non aporta nada novo, mais alá do feito de que, como quen non quere a cousa, deixa caer algunhas perlas sobre a forma en que está constituída esta Plataforma. O cal non deixa de ser un patético -case que infantil- intento de restar lexitimidade a actuación da mesma. Este repentino rigor formalista non lle supuxo problema para manter os encontros precedentes mentres pensou que podería manipulala o seu antollo, como tampouco llo supón cando se trata de outras plataformas cidadáns, sempre e cando as reivindicacións destas vaian dirixidas contra as accions de administracións públicas non controladas polo seu partido político”.
“Polo demais, no escrito que recibimos non se aborda a viabilidade das nosas propostas, nin tampouco pola súa banda se poñen enriba da mesa alternativas ás presentadas por nós. O alcalde limítase a facer o que sempre fai, en este e en calquera outro asunto do día a día do noso Concello: sinalar como culpables de toda a situación a outras administracións públicas e a outras formacións políticas e non preocuparse polas xustas demandas das suas veciñas e veciños”.
“Pero, e aínda tratándose dun asunto de tanto calado social, non satisfeito con esta manobra de trilerismo político, pretende que sexa a nosa Plataforma quen, mediante a presentación de un informe xurídico, acredite a validez da proposta presentada. Para que se entenda ben: reclama que un grupo de particulares sexa quen aporte, pagada do seu peto, unha avaliación xurídica de cales son as medidas que poden ou non poden aplicarse a un servicio público titularidade do Concello. É máis, sen ningún tipo de rubor afirma que nós nos comprometeramos a isto, o cal e rotundamente falso”.
“O que pola contra si é certo é que, ó tempo que afirmou repetidamente que o secretario municipal estaba a facer un informe sobre todo o asunto -o cal, como cabía esperar, de existir, nunca nos entregou nin nos entregará-, chegou a esixirnos que, para continuar coa tramitación que lle pediamos, fose tamén esta Plataforma quen lle facilitase un borrador da nova ordenanza. O nunca visto: os cidadáns facendo o traballo que corresponde os servicios públicos. Por si tivese a tentación de negalo, recordámoslle aquí que somos case unha ducia as persoas as que asistimos ó encontro no que manifestou tal esixencia”.
“Estas esperpénticas pretensións volven a levarnos a comparación co ocorrido con carácter previo ó Pléno extraordinario da véspera da festividade do Carme: nese caso, non houbo problema algún para recorrer -e con urxencia como xa vimos-, ós servicios dun avogado especialista, externo ó Concello, pagado cos cartos das veciñas e veciños, para que este se pronunciase sobre a legalidade da documentación presentada pola empresa licitante”.
“Resulta alarmante que teña que explicárselle a un alcalde que, si o Concello é competente para aprobar unha ordenanza -tal e como o fixo no 2.019-, tamén o é para modificala. Iso, e non outra cousa, é o que se lle está a solicitar. Non estamos a pedir un aumento do gasto, nin que se asuma por parte do Concello a totalidade da suba das tarifas, senón que se modifiquen os requisitos para o acceso as axudas socias, que el mesmo anunciou a bombo e pratillo, sexa real e non unha artimaña demagóxica para saír do paso”.
“E aínda é máis preocupante que reclame argumentacións adicionais para proceder a tal modificación cando non fai nada por entender que a suba que nos pretende impoñer de mais de 700 euros mensuales de media non pode ser asumida por ningún residente. ¿É que acaso lle parece pouco?. ¿Esa é a sensibilidade social de que alardea?”.
“A vista de todo esto. nin que dicir ten que, sendo legalmente posible, socialmente necesario e existindo unha partida orzamentaria consignada, todo se reduce á vontade política de levalo a termo. Vontade que está claro que non ten, e que empezamos a pensar que podería deberse a que o Concello, por unha xestión económica desatinada, carece de capacidade financeira real para afrontar o pago dos 270.000 € comprometidos”.
“Preguntamonos tamén porque o Sr.Alcalde e o seu grupo non admiten o resultado do último Pleno, pois o que alí se decideu é de interese público e social, pois afecta a vida de moitas persoas con baixas pensions. ¿Tal mal perder ten?. ¿Porque non inicia canto antes un proceso de negociación cos usuarios?”
Chegados a este punto, os integrantes de esta Plataforma “ratificamos publicamente a decisión das familias de chegar ata onde sexa preciso para que as nosas reivindicacións sexan atendidas. O cal podería implicar, no seu momento, a negativa pola nosa banda a firmar os contratos individuais coa nova concesionaria, si previamente non se habilita por parte do Concello unha solución satisfactoria a cuestión das tarifas”.
“Sendo a única vía posible para desfacer a situación de bloqueo na que nos atopamos, esiximos que por parte do alcalde se convoque unha nova reunión, na cal haberán de estar necesariamente presentes representantes do PP e do BNG no concello de Foz, e que terá que celebrase antes de dez días. Un prazo que non é caprichoso, senón que responde o feito de que canto máis se alarga a situación, maior é a angustia que se está a provocar os nosos maiores”.
“Así mesmo, anunciamos que nos próximos días imos solicitarlle formalmente ó secretario xeral do PSdG-PSOE na provincia de Lugo que nos reciba, co fin de exporlle o abuso que padecemos e rogarlle que interveña fronte ó mal talante e a insensibilidade que están a mostrar os dirixentes locais do seu partido diante dun problema de fondo calado social”.