Site icon Crónica3.com A Mariña

A licitación as obras de ensanche e mellora da estrada da costa, entre a depuradora de Vilaselán ata Rinlo

Ribadeo, 10 de setembro de 2024. Ribadeo saca a licitación as obras de ensanche e mellora da estrada da costa, no tramo que vai desde a depuradora de Vilaselán ata Rinlo. O investimento achégase aos 370.000 euros. O alcalde, Dani Vega, subliña que se trata duns traballos moi demandados.

O rexedor dixo que “seguimos investindo nun plan de infraestruturas, creo que importante neste Plan Avanza Rural, que hoxe anunciamos tamén o ensanche e a mellora da estrada da costa, o tramo que vai desde a depuradora de Vilaselán ata Rínlo. O orzamento destinado a esta obra é de preto de 370.000 euros, a través do Plan Único da Deputación de Lugo.

Felicitamos á institución provincial por seguir apostando por este plan tan importante de financiamento aos concellos, e cando se fan as cosas ben, Ribadeo e este Concello vai valorar positivamente o que fan as institucións, e neste caso a Deputación”.

Vega explicou que “a Deputación destina ao arranxo da estrada da costa algo máis de 355.000 euros, un orzamento importantísimo para levar a cabo esta obra, e tamén hai unha achega municipal de algo máis de 14.000 euros. Creo que esta é a liña a seguir, a colaboración institucional e que as institucións tanto a Deputación como a Xunta teñen que entender, que teñen que investir nos concellos. Os Concellos somos as institucións mais pegadas á realidade, polo que temos que dar moitos servizos. E neste caso estamos falando de infraestruturas, que estamos sedentos de orzamento porque son moitos tramos, son moitos quilómetros os que están realmente mal. E polo tanto, nosoutros queremos revertir esa situación, investir para mellorar e así avanzar”.

Para o alcalde ribadense “aquí a Deputación estao facendo ben con este Plan Único. Se cabe, ímoslle pedir que incremente un pouco a partida destinada aos concellos”.

Dani Vega cre que “unha obra tan importante como é a estrada da costa necesitaba unha inversión. Levaba moitísimo tempo abandonada. E nosoutros o que quixemos foi arranxar esta situación. Non vamos resolver o problema todo dun golpe, non vamos arranxar todo o tramo dende Vilaselán á Devesa, vamos actuar como dixen dende Vilaselán, dende a depuradora, ata Rinlo e despois paulatinamente seguiremos investindo e así avanzar”.

O rexedor sinalou que “dentro deste Plan Avanza Rural estamos investindo moito orzamento. Nestes momentos tamén estamos actuando nas parroquias do interior en Remourelle e Vilaousende e acabamos de intervir tamén en Ove. Eu creo que así é como se deben facer as cousas, cunha preparación presupostaria, cunha planificación de inversión e tamén llo debo a todos os técnicos municipais. Estamos traballando, creo que ben na coordinación para manter as nosas infraestruturas e vamos seguir nesta liña”.

Sobre as obras que saen a licitación subliñou que “toda esta estrada da costa, entre Vilaselán e Rinlo, vai levar un ancho de 5,50 metros, tamén é unha das medidas que adoptamos nestes momentos, darlle máis anchura ás estradas, como mínimo, 4 metros. E cando poidamos actuar nalgún tramo e ensanchar máis, así vai a ser, pero como mínimo con eses metros que acabo de dicir. Actuaremos en todo, no pavimento, na sinalización, en definitiva nunha obra tan importante, tan demandada que levábamos tempo reivindicando, incluso cando estábamos na oposición e agora que estamos no goberno municipal, actuamos, planificamos e investimos estes preto de 370.000 euros na estrada da costa”.

As empresas teñen 20 días naturais para presentar as súas ofertas, contados desde o pasado venres, 6 de setembro. O prazo de execución dos traballos será de 2 meses.

Exit mobile version