O Presidente asinou coa presidenta da Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia un novo convenio para impulsar o autoemprego feminino mediante un curso especializado na creación de empresas vencelladas a esta profesión
José Tomé subliñou a importancia desta colaboración que contribuirá ao desenvolvemento desta actividade fundamental no sector pesqueiro “pois supón unha alta porcentaxe de empregabilidade feminina, xa que o 85% das persoas inscritas no réxime especial do mar son mulleres”. Polo que, recalcou o Presidente, “trátase dun novo paso no compromiso desta institución coa formación e o apoio ás mulleres que queren desenvolver a súa carreira no sector pesqueiro. Este investimento é clave para asegurar que o oficio de redeira conte cun relevo xeracional adecuado e que as novas xeracións de profesionais poidan integrarse e asegurar un futuro neste mercado laboral”.
O convenio contempla un curso cunha duración de 370 horas formativas no que se abordan diferentes aspectos técnicos e empresariais do oficio de redeira. Está dirixido a mulleres desempregadas ou que se atopen nunha situación de precariedade laboral. O ámbito de actuación abrangue toda a provincia de Lugo, pero especialmente á comarca da Mariña, onde a pesca é un dos grandes motores xerando no sector entre 5.000 e 6.000 empregos.
A proposta formativa estrutúrase en cinco partes: unha focalizada nos fundamentos esenciais para a creación de empresas e catro centradas nos aspectos máis específicos que permitan o acceso ás probas de avaliación para a cualificación profesional de redeira: formación na creación de empresas-autónomos (40 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de enmalle (115 horas), acción formativa de confección e mantemento de aparellos de pesca (30 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de arrastre (130 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de cerco (55 horas).
Pola súa banda, a presidenta Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia agradeceu o apoio continuo da Deputación que serve “non só para afondar na ensinanza dos labores propios dunha redeira, senón que o supón dar un paso máis alá, porque é unha acción coa que se forman futuras empresarias”. Con esta acción formativa, engadiu María Dolores Somoza, “as participantes poden presentarse ás probas de capacitación profesional previstas que se realizan mediante avaliación continua a través do sistema de Formación Profesional”.
Apoio ao sector da pesca na provincia
A Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia (UNIATRAMC Galicia), nace pola necesidade de dar cobertura a un amplo colectivo de traballadores e traballadoras por conta allea e que non estaban encadrados dentro dunha organización de amplo espectro afiliativo e de servizos, como é o caso do colectivo de redeiras.
Precisamente, o obxectivo que levou no ano 2011 á constitución da Asociación, foi o de dar cabida, a pequenos sectores produtivos, entre outros, o da pesca artesanal, artes menores, mariscadoras e mariscadores e as redeiras.