Ademais a institución provincial pediralle á Xunta de Galicia que poña medidas para evitar a suba da taxa de tratamento de lixo aos concellos tras aprobar na sesión celebrada esta mañá outra das mocións presentadas polo grupo do PSdeG
Explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que un ano máis, “como vén sendo costume dende o 2009” o inicio do curso académico en Galicia revela a distancia que medra entre a actitude “triunfalista” da Xunta e as carencias que denuncian as familias, os mestres e a comunidade educativa. “A Xunta ofertaba nas últimas oposicións 1.512 prazas de novos profesores, pero só cubriu 1.256. As 256 prazas non cubertas eran un capricho administrativo? Non obedecían a necesidades reais? Non hai entón unha falla de profesores?”, preguntou no Pleno García Porto.
“Dicir que a educación infantil é de balde é un xeito de agochar a falta de prazas públicas en escolas infantís”, denunciou García Porto. A Xunta asegura que coas 32.000 prazas dispoñibles, sumando a oferta pública e privada, está escolarizado o 56,4% dos nenos entre 0 e 3 anos. “Se as cifras que ofrece a Xunta son fiables, a aplicación dunha simple regra de tres revela que farían falla máis de 25.000 prazas en escolas infantís para atender ao cen por cen da poboación infantil e as necesidades de conciliación das familias”, engadiu. Reprochou tamén que non se pode falar de gratuidade na educación primaria e na ESO cando unha familia continúa a gastar de media uns 600€ de media en libros e material escolar cando arranca o curso.
Unhas carencias que, segundo explicaba García Porto, afectan gravemente á provincia de Lugo e especialmente aos concellos do rural.
O texto da proposta aprobada reclama tamén que se garanta a presenza dos profesores de apoio para todos os nenos e nenas con necesidades educativas especiais, que se cumpran as ratios de alumnos por aula pactados cos sindicatos e que se presente un plan para incrementar as prazas de educación infantil ata garantir a plena escolarización nesa franxa de idade.
Medidas para evitar a suba do canon de recollida de lixo
O Pleno tamén sacou adiante outra moción do PSdeG para reclamar á Xunta de Galicia que tome medidas para evitar a suba da taxa de tratamento de lixo aos concellos. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos socialistas, do BNG e cos votos en contra do PP.
Explicaba o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria que “quen está queimando unha cantidade importante de residuos que non debería, porque está prohibido por Lei, é a Xunta a través de Sogama. Europa sanciona á Xunta de Galicia pola mala xestión de Sogama e a Xunta quere facerllo pagar aos demais”. Lamentaba ademais que Rueda pretenda “vender un caramelo” dicindo que vai asumir parte do custo da suba, e esixe ao Presidente do Goberno galego que explique de que parte dos Orzamentos vai sacar ese diñeiro, “porque se o saca do Plan de Cooperación dos Concellos está castigando dobremente ás entidades locais”.
Co acordo adoptado no Pleno, a institución provincial esixe, por unha parte manter o canon establecido aos concellos galegos de 66 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada; manter a anterior bonificación do 15% deste canon unitario; que se reparta a contía de 12,1M€ en concepto de Fondo Ambiental entre todos os concellos galegos; que se achegue a SOGAMA a cantidade total recadada en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos para implementar bonificación no canon dos concellos; incrementar as subvencións aos concellos para implementar medidas que contribúan á reciclaxe dos biorresiduos; que se constitúa unha comisión de traballo entre SOGAMA, as Consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP para determinar as condicións do canon para o ano 2025; e ampliar as plantas de biorresiduos existentes como estaba previsto no Plan de Xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022.
Centro de Atención a Maiores de Becerreá
A sesión provincial sacou adiante, por unanimidade, o inicio do expediente de actividade económica en réxime xurídico do Centro de Atención a persoas Maiores de Becerreá. Tal e como explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, unha vez rematadas as obras do centro de transformación, a institución provincial continúa cos pasos que son habituais nos CAMs da Deputación.
As actuacións máis inmediatas nese sentido consisten, conforme marca a Lei, en designar unha comisión de estudo, acordar o inicio do expediente de aprobación da actividade económica do centro de atención a persoas maiores, e someter a consulta previa, por un prazo de 20 días hábiles, a participación da cidadanía.
Aprobación da Conta Xeral 2023
O Pleno aprobou tamén, e coa abstención do PP, a Conta Xeral da Deputación de Lugo correspondente ao ano 2023, cumprindo así cos prazos legalmente establecidos, que determinan a obriga de presentar ante o Consello Xeral de Contas antes do día 15 de outubro este expediente. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, destacou que o gasto comprometido acadou no ano 2023 un 87,28%, subindo un punto respecto do ano pasado, consolidando á Deputación de Lugo como unha das administracións locais de España con maior grado de execución orzamentaria.