Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba investir 17.000€ no Programa + Concilia Barreiros

Lugo, 6 setembro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dous acordos de colaboración cos concellos de Lugo e Barreiros destinados a impulsar iniciativas que melloren os servizos públicos e que dinamicen a economía local. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, quen enmarcou estas novas colaboracións dentro do compromiso da Deputación cos concellos da provincia “para que conten cos recursos necesarios para favorecer a promoción turística e mellorar os servizos e dotacións da veciñanza”.

Por unha banda, a Deputación de Lugo achega 50.000€ ao Concello de Lugo para a celebración do Arde Lucus deste ano 2024. Unha contribución, explicou Rivera Capón, “que fixo posible que un dos espectáculos estrela, como é o circo romano, volvese ser un dos maiores atractivos desta festa, declarada de Interese Turístico Internacional”. Ademais, a colaboración da institución provincial serviu tamén para apoiar a organización e a montaxe dos campamentos das 19 asociacións que forman parte do Arde Lucus, así como coa contribución da cesión de espazos públicos para o desenvolvemento das actividades, e coa promoción do evento mediante vídeos realizados polo noso Servizo de Audiovisuais, campañas publicitarias, e a participación en feiras turísticas e medios de comunicación.

“Dende a Deputación vimos mantendo un compromiso firme con esta cita que celebra a historia romano-castrexa de Lugo, un auténtico motor económico para a cidade e a provincia. A nosa contribución foi fundamental nas últimas edicións, garantindo o éxito e crecemento do Arde Lucus, que atrae milleiros de visitantes tanto a nivel nacional como internacional”, subliñou. Neste senso, incidiu o Deputado que “seguiremos traballando man a man co Concello de Lugo para dar aínda maior visibilidade a este evento cultural e histórico, que xa se consolidou como un referente no calendario festivo e turístico”.

Por outro lado, na Xunta de Goberno desta mañá tamén se aprobou un convenio de colaboración co Concello de Barreiros, por un importe de 17.000€, destinado ao Programa + Concilia Barreiros. Esta iniciativa, á que a institución local destina unha achega de preto de 4.000€, trata de favorecer a conciliación laboral dunhas 92 familias do municipio durante os períodos non lectivos.

Neste programa participan 280 nenas e nenos do concello de Barreiros de entre 4 e 12 anos de idade e desenvolveuse os días de Semana Santa, a última quincena do mes de xuño e esta primeira quincena de setembro. “O obxectivo principal é que as familias poidan compaxinar a vida profesional e laboral coa crianza dos seus fillos, unha necesidade que está á orde do día e da que somos plenamente conscientes dende a Deputación de Lugo”, sinalou Pablo Rivera. Por iso, apoiamos, dixo, iniciativas coma esta que combinan actividades educativas e de lecer, ao mesmo tempo que tamén fomentan o desenvolvemento integral dos cativos e cativas durante as vacacións.

En concreto, os nenos participantes poden desfrutar de: actividades deportivas e culturais, actuacións relacionadas co respecto ao medio natural e accións vencelladas ao coñecemento de hábitos de vida saudables ou que fomenten valores como a igualdade de xénero, entre outras moitas propostas.

Contrato de equipos de impresión, copia e escaneo da Deputación

Na Xunta de Goberno deste venres quedou licitado o contrato, por un importe de preto de 450.000€, para a subministración de equipos de impresión, copia e escaneo destinado ao persoal da Deputación, informou o Deputado de Promoción Económica e Social. O contrato, en réxime de arrendamento sen opción a compra, sae a licitación por unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous anos máis. O novo contrato entrará en vigor ao rematar o actual, en febreiro do ano 2025, distribuído en tres anualidades ata o ano 2027..

Exit mobile version