A formación, impartida pola Casa do Mel de Goente, é gratuíta e xa completou as prazas de inscrición
Cervo, 11 de setembro de 2024. A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa Casa do Mel de Goente, impulsa un curso de Formas de manexo da colmea para a loita contra a Velutina en Cervo. A formación teórica terá lugar no Museo do Mar e a parte práctica levarase a cabo en colmeas do concello mariñán.
O curso celébrase esta fin de semana e permite formar a apicultoras e apicultores na loita contra a vespa asiática. Persoal técnico da Casa do Mel de Goente explicara ás persoas asistentes métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora, con contidos teóricos e unha parte práctica. O curso forma programa de formación en apicultura que está a desenvolver a área provincial, co obxectivo de ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese por esta actividade entre as persoas máis novas.
A través deste programa, que comezou en xuño, lévanse a cabo formacións en Vilalba, O Valadouro, Xove, Muras, Pantón, Cervo e Mondoñedo para abordar diferentes cuestións de interese para o desenvolvemento desta actividade.
O deputado de Rural Daniel García explicou que “se trata dun programa que ofrece formación en diferentes aspectos de interese para apicultoras e apicultores, desde a mellora do rendemento das producións melíferas ata fórmulas de manexo para protexer as abellas autóctonas da velutina, unhas das problemáticas que máis preocupa ao sector”.
“É unha proposta que xurde da colaboración e o diálogo coas entidades representativas do sector, que complementa outras actuacións que desenvolvemos nos últimos meses da man da Asociación Galega de Apicultura e que amplía a aposta da área de Rural pola formación e o
asesoramento no sector primario”.
O programa complétase con esta actividade en Cervo e unha formación similar no concello de Mondoñedo, que terá lugar o 23 e 24 de setembro no IES San Rosendo.