Dende a asociación anunciase o inicio de mobilizacións ante o incumprimento por parte da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dos acordos sobre agrupamentos previstos para o curso 2024/2025 e a supresión da praza de especialista en pedagoxía terapéutica no centro de Alfoz
Alfoz, 12 de setembro, 2024. A ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz, despois de ser informados dende o centro educativo, e confirmado pola propia inspección, do incumprimento por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dos acordos sobre agrupamentos previstos para o curso 2024/2025, manifesta o seu total rexeitamento a esta situación.
No día de hoxe, coincidindo co inicio do curso, foron testemuñas do malestar das familias, agravado polo anuncio de que “ademais de non mandar un mestre a maiores para cumprir o acordo de ratios de agrupamento, atopámonos que nos eliminan a especialista en Pedagoxía Terapéutica coa que contaba o centro, todo isto nun curso no que aumentou o alumnado” indican Dende a asociación.
O CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, é un dos 8 centros da provincia de Lugo afectados polo incumprimento do acordo de melloras respecto á ratio da RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2024 (publicado o 17 de xaneiro de 2024) onde se recolle no punto 2.7 que nas aulas que escolaricen alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas serán de aplicación os ratios contemplados no acordo de agrupamentos do alumnado de 10 de xullo de 2009.
Dende a Anpa recordan que “o noso centro conta co número de alumnos por agrupamento de distinto ciclo necesarios para a aplicación deste acordo”, subliñando ademais que “o centro poida contar con alumnos con necesidades específicas de apoio educativo” algo incompatible coa eliminación de especialistas. Así mesmo, pregúntanse “que vai a pasar cando falte algún profesor”, pois Dende a Xefatura xustifican que non sería preciso xuntar grupos, xa que hai profesores de garda ou especialistas que segundo a distribución das xornadas poderían cubrir esa necesidade, “algo que no noso centro non se cumpriría coa eliminación da especialista en Pedagoxía Terápeutica”
O pasado mes de xuño, a Anpa do CEIP Castro de Ouro enviou á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades un escrito indicando a situación na que se atoparía o centro neste curso 24/25, “sen recibir ningún tipo de resposta por parte da Xefatura Territorial”, todo iso a pesares do aumento de matrícula.
Dende a asociación indican que se trata dun “agravio contra os colexios do rural e particularmente contra o noso centro que non estamos dispostos a aceptar, polo que esiximos á Xefatura Territorial que se manteña a praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica e se cumpran os acordos anteriormente citados” e reflexados na RESOLUCIÓN de 10 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se da publicidade do texto do Acordo entre esta consellería e as organizacións sindicais C.OO., ANPE e UXT-SP Ensino sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación.
Ante esta situación, a Anpa do CEIP Castro de Ouro de Alfoz, á espera da resposta da Xefatura Territorial, ten inicialmente convocada unha concentración á entrada do centro educativo, ás 9:30 horas do luns 16 de setembro, “non descartando outro tipo de iniciativas encamiñadas á defensa do ensino público dos nosos fillos e fillas”.