Site icon Crónica3.com A Mariña

A ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz convoca unha concentración este luns ante a falta de resposta ás súas demandas por parte da Xunta

Dende a asociación indican que se puxeron en contacto coa Xefatura Territorial, sen recibir resposta, contando coa única información aportada polo centro

Alfoz, 14 de setembro, 2024. A ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz, despois da falta de resposta da Xunta de Galicia, anuncia o inicio de mobilizacións ante o incumprimento por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dos acordos sobre agrupamentos previstos para o curso 2024/2025 e a supresión da praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica no centro de Alfoz.

Desde a asociación declaran que “puxémonos en contacto coa Xefatura Territorial, sen recibir resposta, contando coa única información aportada polo centro”. Como representantes das familias, reclaman estar informados dos pasos que se están a dar desde a Xunta de Galicia e se se van atender as súas demandas. Ante a falta de resposta, “desde a Ampa informamos ás familias da situación e decidimos convocar unha concentración para o luns 16 de setembro as 09:30 horas, coincidindo coa entrada do alumnado ao colexio”, en sinal de protesta ante a carencia de profesorado no inicio do curso escolar 24/25.

O colectivo, que agrupa ás familias dos 39 alumnos do centro, indica que “non solicitamos nada que non nos pertenza, simplemente reclamamos que a Xunta cumpra a Resolución do 10 de xaneiro de 2024”, publicada no DOG de 17 de xaneiro. Por outro lado, desde o colectivo iniciarán contactos coas organizacións sindicais CC.OO., ANPE e UGT-SP, pois “xa que asinaron o acordo terán que velar por que se cumpra”, indican desde a ANPA.

Na resolución aludida, indícase que nas aulas que escolaricen alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas serán de aplicación as ratios recollidos no Acordo de agrupamentos do alumnado, do 10 de xullo de 2009. O Acordo de agrupamentos indica que se poderá agrupar o alumnado de primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12, polo que desde o colectivo indican que “estase incumprindo o acordo pois temos 15 alumnos nun dos agrupamentos” e ademais recordan que “aínda que no outro agrupamento contamos xustamente con 12 alumnos, habería que avaliar se algún deles ten necesidades específicas de apoio educativo o que modificaría o ratio, todo isto agravado polo feito de que nos eliminan a especialista en Pedagoxía Terapéutica coa que contaba o centro”.

Dende a asociación subliñan ademais que se trata dun “agravio respecto a outros colexios nos que si se está cumprindo o ratio” e indican que “dóenos moito que desde a Delegación da Xunta en Lugo se diga que se está apostando por igualar as condicións do ensino en todo o territorio e se faga totalmente o contrario”.

A Anpa do CEIP Castro de Ouro de Alfoz, indica que “o noso colexio sempre se caracterizou polo seu bo funcionamento”, recordando que a implicación de toda a comunidade educativa sempre foi clave no éxito do sistema educativo do colexio de Alfoz, “feito que deu lugar a que familias doutros concellos aposten polo noso centro para a educación dos seus fillos e fillas”, subliñando que “así colaboramos tamén co cumprimento dos ratios doutros colexios e que as súas aulas non estean masificadas”, por iso, “pedimos o que nos corresponde, un trato xusto para que os nosos fillos e fillas teñan as mesmas oportunidades”.

Exit mobile version