A ANPA inicia as mobilizacións ante o incumprimento por parte da Xunta dos acordos sobre agrupamentos previstos para o curso 2024/2025 e a supresión da praza de especialista en pedagoxía terapéutica no centro público de Alfoz
As reivindicacións das familias céntranse no cumprimento dos acordos sobre agrupamentos previstos para o curso 2024/2025 e reposición da praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica, suprimida no centro de Alfoz. Así, desde a ANPA declaran que “reclamamos que a Xunta cumpra a Resolución do 10 de xaneiro de 2024”, publicada no DOG de 17 de xaneiro, e que os sindicatos asinantes, “velen polo seu cumprimento”.
Débese recordar que en dita resolución, indícase que nas aulas que escolaricen alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas serán de aplicación as ratios recollidos no Acordo de agrupamentos do alumnado, do 10 de xullo de 2009. Neste Acordo de agrupamentos indicábase que se poderá agrupar o alumnado de primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12, polo que desde o colectivo subliñan que “estase incumprindo o acordo pois temos 15 alumnos nun dos agrupamentos” e ademais recordan que “aínda que no outro agrupamento contamos xustamente con 12 alumnos, habería que avaliar se algún deles ten necesidades específicas de apoio educativo o que modificaría a ratio, todo isto agravado polo feito de que nos eliminan a especialista en Pedagoxía Terapéutica coa que contaba o centro”.
Dende a asociación subliñan ademais que “estamos totalmente en desacordo coas declaracións aos medios, por parte da Xunta, nas que se di que este acordo se fará de forma progresiva, pois isto é faltar ao que indica o DOG”. Recordan que dita resolución, concretamente no punto 2.1.1., indica que no curso 2024/25 iniciarase o calendario de aplicación cunha ratio máxima de 20 alumnos/as en 4º de educación infantil, “referíndose a centros que actualmente non teñen agrupamentos”, e con respecto aos centros con agrupamentos, “literalmente di no punto 2.7: Nas aulas que escolaricen alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas serán de aplicación as ratios recollidas no Acordo de agrupamentos do alumnado, do 10 de xullo de 2009”, acordo que non se está cumprindo.
Tras este acto reivindicativo, a Anpa do CEIP Castro de Ouro de Alfoz, continúa a espera dunha resposta oficial por parte da Xefatura Territorial, “creo que como representantes das familias somos un interlocutor necesario coa administración e, a día de hoxe, siguen sen poñerse en contacto con nós”, contando coa única información aportada pola dirección do centro o pasado venres. Ante esta situación, non descartan outro tipo de iniciativas “encamiñadas á defensa do noso colexio”, e celebrarán unha asemblea xeral coas familias o vindeiro venres 20.