Site icon Crónica3.com A Mariña

A ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz organiza unha nova concentración este luns

Alfoz, 28 de setembro, 2024. A Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz organizará unha nova concentración o vindeiro luns, 30 de setembro, ás 9:30 horas, diante das instalacións do colexio. A comunidade educativa esixe á Xunta de Galicia unha resposta ante as reiteradas peticións de solución ás súas demandas, que seguen sen atenderse.

A semana pasada, a ANPA remitiu sendas cartas ao Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez; e á Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, reclamando o cumprimento do acordo de agrupamentos e a reposición da praza de Pedagoxía Terapéutica (PT), eliminada este curso escolar. “Ata o de agora, non se recibiu ningunha contestación oficial”, indican desde a ANPA.

A ANPA manifesta a súa frustración pola falta de compromiso das autoridades educativas e advirten que a situación non pode continuar sen medidas, algo que consideran inxusto “sobre todo cando vemos que noutros centros si se están aportando solucións”. Segundo indican, “levamos desde o inicio do curso loitando por resolver esta situación, pero a Xunta parece non escoitar, e as familias pídennos que non paremos ata que se solucionen as nosas demandas”.

As familias e o profesorado do centro escolar de Alfoz tamén mostran a súa preocupación polo impacto que esta decisión pode ter sobre o conxunto do alumnado. Segundo explican desde a ANPA, “se non se respecta o acordo de agrupamentos, aumentará a carga de traballo nas aulas e os recursos serán insuficientes para atender a todos os nenos de diferentes idades de forma adecuada. Ademais a perda da praza de PT afecta a toda a comunidade, non só aos nenos que máis o precisan”.

A concentración deste luns será a terceira dun conxunto de mobilizacións que a ANPA e o conxunto da comunidade educativa teñen previsto levar a cabo ata que a situación se resolva. “Non imos parar. Non podemos aceptar que se xogue co futuro dos nosos fillos e fillas. Seguirán as protestas, aquí e onde faga falta, mentres a Xunta continúe ignorando as nosas demandas”, indicaron desde a asociación.

A ANPA fai un chamamento a todas as familias, profesorado e veciñanza de Alfoz para que se sumen á concentración e apoien a defensa dunha educación inclusiva e de calidade para todos.

Exit mobile version