Site icon Crónica3.com A Mariña

XIV Xornadas Memoria dun tempo

Manón, 10 de agosto, 2024. Pouco a pouco, a cita coas Xornadas “Memoria dun Tempo” vanse achegando. Pero ollo, nesta ocasión o primeiro acto das devanditas ten un algo especial, un algo distinto, e un algo que dá azos para seguir traballando a prol da memoria da nosa terra.

Para o primeiro día do programa das Xornadas está organizada a descuberta dunha placa en honra de Jesús Castaño Galdo, alcalde do Concello de Mañón dende o 16 de marzo de 1936 ata a súa destitución polas forzas golpistas.

Ten de especial o acto, que vai ser fronte a casa familiar do propio alcalde, xa que contará coa participación das súas netas; do alcalde de Mañón, Alfredo Dovale; do historiador e catedrático da USC Emilio Grandío; e coa intervención musical do gaiteiro e profesor do Conservatorio de Viveiro, David Bellas.

É distinto a outros actos porque este conta coa participación do Concello unha vez que foi aprobada en pleno da corporación municipal a proposta de Nordés para facer esta homenaxe.

E é iso mesmo o que aporta azos para manter a tea da memoria acesa, ver como o traballo destes 14 anos vai creando espazos de reflexión, de encontro, de diálogo que dan pé a que recoñecementos e homenaxes como a que vai ter lugar o domingo 18 de agosto ás 11:30 hras fronte ao número 5 da rúa Covas de O Barqueiro, sexan posibles.

O segundo acto programado será un relatorio por conta de Iria Morgade Valcárcel, Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, historiadora e escritora, quen ven de acadar o Premio Losada Diéguez 2024 na modalidade de Creación Literaria pola súa obra “Quén escribirá a miña historia?”. Será o xoves 22 de agosto ás 19:30 hras no Centro Sociocomunitario de O Barqueiro, sendo o título da conferencia “Investigación e divulgación: os vieiros da memoria. Conversa arredor de “Quén escribirá a miña historia”

Para o venres 23 de agosto, no mesmo Centro Sociocomunitario, pero nesta ocasión ás 18:00 hras, é para Nordés un pracer presentar a José Luis do Pico Orjais, músico, docente e coordinador da obra “A música represaliada. Unha foliada de memoria”, editada pola Deputación de Pontevedra, quen falará sobre o libro e os arquivos musicais que o acompañan, e dos que se achegan enlaces para acceder tanto ao texto https://arquivos.depo.gal/documents/885401/1462616/Musica-represaliada_web.pdf como para a música https://arquivos.depo.gal/es/a-musica-represaliada

O sábado 24 de agosto rematará esta XIV edición das Xornadas “Memoria dun Tempo” coa xa tradicional homenaxe a Republicanos e Libertarios na Ponte Vella de O Barqueiro ás 12 da mañá, e estando aberto o acto á participación das persoas asistentes en forma de testemuña, poema, canción…

Exit mobile version