Viveiro, 2 de agosto de 2024. O Concello de Viveiro acolleu hoxe a presentación da 40ª Feira de Artesanía, que se celebrará nos xardíns Noriega Varela entre os días 9 e 18 de agosto.
A feira, organizada polo Concello de Viveiro e a asociación PROA, celebra o seu 40 aniversario, consolidándose como unha das máis antigas de Galicia.
Haberá decenas de postos, coa presenza de numerosos profesionais da artesanía e nos que haberá obradoiros e demostracións do oficio.
Con motivo dos catro decenios de actividade da feira haberá un acto de inauguración que contará coa colaboración de Carlos Nuevo, Cronista Oficial de Viveiro, e da asociación folclórica Bágoas da Terra.
“Será unha inauguración moi especial, como non pode ser doutro xeito ao alcanzar un fito tan destacado”, afirma a alcaldesa María Loureiro. “A Feira de Artesanía leva 40 anos sendo unha referencia indiscutible no sector pola súa calidade e variedade”, engade.
Haberá tamén unha exposición sobre a feira realizada con motivo do aniversario na sala traseira do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, co obxectivo de poñer en valor a historia do evento.