Site icon Crónica3.com A Mariña

“Venezuela: isto vai de democracia”, por Xabier Grandío

Sería hipócrita se dixese que me sorprendeu a reacción dalgúns partidos políticos ante a fraude xigantesca que perpetrou Nicolás Maduro o pasado domingo en Venezuela. Estaba dentro do previsto.

Pero que non me sorprenda non implica que non haxa que dicir as cousas tal e como foron. O certo é que, por enésima vez, o réxime bolivariano violou a súa propia legalidade. Nas votacións houbo numerosas incidencias, si, pero, en xeral, a xente puido votar. Os problemas empezaron co peche das urnas:

1. Non permitiron ingresar aos representantes das testemuñas electorais (interventores) da oposición á sede do Consejo Nacional Electoral (CNE) cando pecharon as urnas ás 18:00 horas.

2. Até ás 22:00 horas, as actas chegaban dende o CNE, dun xeito lento, pero chegaban a mans da oposición. E daban unha vitoria estrondosa a Edmundo González Urrutia.

3. A partir desa hora, e até ás 00:00 horas do luns, o CNE di que houbo un hackeo masivo procedente de Macedonia do Norte que fixo caer a web. Até o de agora non hai ningunha proba dese extremo.

4. Ás 00:00 horas do luns, Elvis Amoroso, presidente do CNE, anunciou os resultados oficiais, segundo el “irreversibles” e que representaban un 80 % do reconto: 51,20 % para Nicolás Maduro, 44,20 % para Edmundo García. Aportaba un número de votos que facía que as cifras fosen redondas nos principais candidatos; a probabilidade de que iso aconteza é unha entre 100 millóns.

Cando escribo este artigo, rematou o prazo legal que tiña o CNE para entregar as actas electorais. Quen si recolleu máis dun 80 % destas, en dous días, foi a oposición, que habilitou unha web para que a xente, coa súa cédula de identidade, consulte cal foi o resultado da súa mesa. Paralelamente, o réxime segue coa web do CNE “caída” e sen ofrecer as actas.

E o que si fixo o réxime foi reprimir con violencia policial e parapolicial dende que milleiros de persoas saíron á rúa a protestar pola fraude electoral. Nicolás Maduro e Tarek William Saab presumen de deter 749 persoas durante as protestas do luns e do martes pola fraude electoral e algunhas ONG´s pro-dereitos humanos cifran os mortos en 16.

O réxime escolleu os observadores, pero hai un que destaca polo seu prestixio, o Centro Carter, unha ONG especializada en mediación internacional e convidada polo goberno venezolano para comprobar o desenvolvemento dos comicios. Pois ben, esta entidade declarou por escrito, após saír de Venezuela, que a elección “non pode considerarse democrática”.

A cuestión xa non é se preferimos a Nicolás Maduro ou a Edmundo González; a cuestión é se defendemos a democracia sempre ou só a beneficio de inventario. O domingo perpetrouse unha fraude e hai que denunciala, goberne quen goberne. Isto vai de democracia.

Exit mobile version