Mañón, 5 Agosto, 2024. Os equipos de emerxencia desprazados ata o lugar tiveron que excarcerar á vítima mortal do accidente polo maleteiro do vehículo.
Daban as 13:30 horas cando o 112 Galicia recibiu o aviso dun accidente por parte dun particular. Segundo a información recollida polos xestores, un coche e un camión colisionaran entre o quilómetro 69 e 70 da AC-862, ao seu paso pola parroquia de Mogor, en Mañón (A Coruña). No transcurso da chamada, o alertante informaba dunha persoa ferida á cal non eran capaces de sacar do vehículo.
Axiña, desde a sala de operacións do 112 Galicia solicitouse a intervención do persoal sanitario do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os cales cando chegaron ao punto só puideron confirmar o falecemento da persoa. A maiores, tamén se informou aos Bombeiros de Viveiro, aos membros do GES de Ortigueira, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil.
Debido a complexidade do accidente, a estrada estaba cortada por completo, e o camión estaba a verter combustible nela, polo que para restablecer as condicións da vía tamén se informou ao persoal de mantemento de estradas.