Site icon Crónica3.com A Mariña

“Un tempo da creación”. Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Xornada Mundial de Oración polo Coidado da Creación e a festa de San Francisco de Asís, patrón da ecoloxía

Do 1 de setembro ao 4 de outubro convídasenos a vivir un tempo chamado “da creación”. As datas veñen fixadas por celebrarse o 1 de setembro a Xornada de Oración polo Coidado da Creación e o 4 de outubro por ser a festa de San Francisco de Asís, patrón da ecoloxía. Trátase dunha iniciativa promovida por todas as Igrexas cristiás (católicos, ortodoxos, reformados…), unidas na preocupación e responsabilidade ante o coidado da creación.

Tamén desde a nosa diocese vivirémolo comunitariamente. Así o fixemos onte en Neda e seguirémolo facendo con algunhas outras actividades que se promoverán ao longo deste tempo. Convido a que individual e parroquialmente tamén organicedes algún tipo de acción que nos estimule a vivir mellor os obxectivos deste tempo. Sen dúbida en todas as parroquias hai lugares marabillosos que nos poden axudar a celebrar a marabilla que Deus nos deixou na creación e a asumir a responsabilidade ética do seu coidado.

De que se trata? Fundamentalmente de dedicar un tempo para pensar e mirar a creación con outros ollos, se é posible, cos ollos de Deus. Todos sabemos que, na vida ordinaria, habemos de sacar un tempo para moitas cousas, especialmente para as importantes. E cando descoidamos os tempos para as persoas e as responsabilidades, as cousas reséntense. Este “tempo da creación” é unha proposta para admirar, contemplar, agradecer, reflexionar, pensar, orar, escoitar o berro da creación e dos pobres… e comprometernos en clave de coidado.

A nosa casa común, a que habitamos, é un agasallo recibido. Trátase dun don que non podemos utilizar unicamente en clave de proveito e explotación, senón desde a xustiza interxeracional. As noticias fálannos de recursos limitados, da desaparición de especies, de refuxiados climáticos, da interconexión dos fenómenos, de cambios de ciclos provocados pola acción humana, de futuro incerto… Non podemos mirar a outro lado e gozar do que temos irresponsablemente.

E moito menos como cristiáns. A nosa fe nun Deus creador lémbranos a primacía de Deus sobre as cousas e que foi por puro amor polo que gozamos desta beleza que entraña o misterio da vida. Ademais, sabernos criaturas axúdanos a sentirnos vulnerables e necesitados todos de todos no asombro da diversa dignidade coa que Deus nos marcou. En efecto, a singularidade do ser humano axúdanos a descubrir tamén “a bondade dos demais seres creados, que existen non só en función do ser humano, senón tamén cun valor propio e, por tanto, como dons que lle foron confiados para ser custodiados e cultivados”.

A preocupación ecolóxica para os cristiáns, por tanto, non é unha moda que nos conecta cos tempos actuais. Tampouco é unha cuestión puramente ética. Trátase, como di o papa Francisco,
de “unha cuestión eminentemente teolóxica, pois concierne ao entrelazamiento do misterio do home co misterio de Deus”. Porque cremos nun Deus Creador e nun Deus que está ao final da Historia, sentimos en camiño de esperanza cara á plenitude de todas as cousas en Cristo. A casa común non nos é allea, senón que está chamada a participar nesa chamada á plenitude.

Convídovos a que este tempo nos axude a coñecer mellor o que nos pasa no noso mundo. Que as súas chagas nos indignen e provoquen un cambio nos nosos estilos de vida para volvernos máis sobrios e solidarios. Que todo iso nos axude a promover unha necesaria transformación cultural que alente os cambios estruturais urxentes desde o punto de vista económico. E que a espiritualidade ecolóxica nos axude a ver con ollos renovados as marabillas que hoxe contemplamos.

O voso irmán e amigo,

Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version