Coido que nos traspasos de bens entre persoas e entidades, cada unha das partes que intervén considera unha visión diferente da outra. Ese é o caso, en particular, do subministro de auga, un ben que representa un punto esencial na supervivencia de cada un de nós.
Lembro, de pequeno, ter ido á fonte por auga para a casa. Vexo agora esa fonte abandonada, e máis que pena ou nostalxia dáme que pensar. Non lembro que daquela se considerara que o concello entregara, doara ou agasallara a auga á xente; pode que pola miña idade non tivera conciencia desas cousas e si existira un sentimento parello. O caso é que hoxe hai ‘auga corrente’ nos fogares, pagase polo subministro e si hai unha mentalidade de trato co concello ou compañía concesionaria da xestión, de ‘transacción económica’. Ó haber unha factura con importe variable segundo consumo, considérase iso, unha ‘compra’, variando o concepto de dereito sobre a auga, un ben sen o que non podemos vivir. Levando isto máis aló, mentres en zonas do planeta a xente segue ter que ir a por auga lonxe e polos seus propios medios, noutros tense dado a concesión de auga a empresas privadas, privando dese recurso básico á poboación do lugar, ben para dedicala a outros quefaceres, ben para embotellala e obter beneficio.
Hoxe e en Ribadeo, o mesmo que en moitos outros lugares de Galicia, a moi grande maioría do subministro está mediatizado polo concello, que delega a súa xestión nunha empresa privada. Por suposto, o levar anos concedida a xestión fai enfocar a visión da auga cara ó privado e o comercio/empresa, por moito que se siga a considerar ‘servizo’ e sexa unha necesidade. Visión e relación ca auga que se matiza coa estrutura da factura, aínda que conste que unha porcentaxe apreciable de xente non sabería dar un mínimo detalle dela. E visión e relación que se pode contribuír a cambiar variando esa estrutura da factura, mesmo deixando á beira outras consideracións.
Así, podemos ver que en Ribadeo, a factura dun fogar inclúe un mínimo de 20 m3 bimestrais (isto último, aproximado), 330 L/día, que se cobran consúmanse ou non, sexa unha soa persoa na vivenda para o seu consumo ou cinco, e que o prezo a que se cobra o litro (ou o metro cúbico) é o mesmo sexa corresponda a ese consumo mínimo ou sexa de ‘consumo extra’. É dicir, non se produce, a través da factura, un chamamento ó aforro, á apreciación ou á equidade, senón máis ben a un consumo linear, tirando máis ben para arriba. É de supoñer que o ‘consumo mínimo’ cobrado, máis que para forzar ese mínimo consumo sen coidado, estea pensado, igual que no caso da electricidade (outro día podemos falar dese consumo), cara ó mantemento da ‘conexión coa rede de subministro público’. Estimo que o propio sería que esa conexión, como dereito universal, estivera ligada a impostos, que houbera un mínimo gratuíto por persoa e logo un aumento do custe por litro en función do consumo, sendo máis cara a unidade de auga a maior consumo por persoa. Hoxe sería meter uns cálculos no ordenador en lugar de outros, se ben o levar as contas de persoas por casa a estes efectos, sería unha novidade que, a máis, podería considerar por exemplo primeira ou segunda residencia e evidentemente levaría a outros cambios de visión. Tamén é evidente que o que aquí indico non é unha proposta detallada, senón só iso, unha indicación dun camiño que estimo axeitado cara ó futuro. Camiño con máis trabas das que indico mais ó que, cos medios actuais, non entendo por que non nos imos aproximando se queremos aproveitar a auga e distribuíla dun xeito máis humano. Claro, estou vendo as cousas non dende o concello ou unha concesionaria…
Por certo que a factura ‘da auga’ inclúe asociada e dependente a do lixo, parte á que se lle poden aplicar consideracións semellantes cun resultado que podería axudar á diminución do lixo producido.