Site icon Crónica3.com A Mariña

Seis grupos musicais de diferentes estilos amenizarán a Romeria de San Caetano os días 17 e 18 de agosto en Celeiro de Mariñaos

Numerosas actividades lúdicas e gastronómicas nesta XXVII edición da Festa da Tortilla

Barreiros,  9 de agosto de 2024. Este venres 9 de agosto ás 7 da tarde no adro da capela presentouse a Romería de San Caetano, que se celebrará o sábado 17 de agosto e o domingo 18 de agosto en Celeiro de Mariñaos. Esta romería, con fonda tradición na parroquia e na comarca contempla tamén a celebración da Festa da Tortilla, que vai xa pola XXVII edición. Nesta presentación, na que se obsequiou aos asistentes coa proba da tortilla, procedeuse tamén á inauguración da Fonte de San Caetano, obra realizada polo concello, e que desde a Asociación Irmandade San Caetano, organizadora da romería quixeron dedicar a todas e todos os que traballaron e loitaron pola recuperación da capela, tal como reza a placa que ao efecto instalaron na fonte.

Ao acto asistiron a alcaldesa e o goberno municipal, xunto coa directiva da asociación, e colaboradoras e colaboradores da comisión de festas.

A romería comezará o sábado 17 ás 13:00 con misa na capela e procesión, para continuar con unha maravillosa sesión vermu co cuarteto tradicional XARAMOLO e o grupo de música cubana con alma galega TOXO GUAYABA.

Haberá concurso de tortillas, e por suposto, degustación de tortilla. Pola tarde, outra gran actuación musical para o público miudo: BRAIS DAS HORTAS, co espectáculo “Consertasso na horta”. Pola noite actuará o dúa BELA & CHARLO, coas mellores versións e seguidamente, Sesión D´j. Haberá o xa clásico Baile do Farolillo e ao remate, chocolatada.

O domingo 18, ás 13:30 iniciarase unha espectacular sesión vermú con dous grandes grupos: OS PANDERETEIROS DO INFERNO, que chegan desde o averno de Ribadeo cos seus sons tradicionais e as súas gorxas contundentes, e OS FESTICULTORES TROUPE, os cultivadores das festas. A tapa desta sesión vermú será o xamón cocido e cunca de caldo.

Ás 17:30 será o concurso MÁSTER TORTILLA, que poñerá o broche final a esta romería.

Camisolas de deseño xa á venta

No plan de difusión desta romería contan tamén con unha camisola, deseñada polo artista gráfico David Ribas Pena, inspirada na obra do noruego Edvard Munch, “El grito”, que dá forma e cór tamén ao cartel da festa. Esta prenda e demáis material de merchandising está xa á venta e poderase adquirir tamén na propia romería.

Exit mobile version