Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo incrementa as axudas en Benestar Social

Ribadeo, 1 de agosto de 2024. Ribadeo incrementa as axudas en Benestar Social. Hoxe foron asinados os convenios das subvencións nominativas para 2024. As asociacións beneficiarias son Cogami, Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, Fundación Edes, Cruz Vermella e Cáritas. A partida destinada a este fin é de 14.500 euros.

O alcalde, Dani Vega, explicou que “hoxe convocamos a sinatura de convenios das subvencións nominativas 2024 na área de Benestar Social. Creo que demos un paso moi importante. En primeiro lugar, colaborar con máis entidades e subir a partida, dentro dos orzamentos 2024, dentro dun Plan Estratéxico 24-26, que foi aprobado no pleno do 4 do 12 do 2023. Houbo un total respaldo por parte do pleno, polo tanto respáldanos e tamén garante un total apoio por parte dos grupos políticos”.

O rexedor cre que “o Concello acertou en incrementar as partidas orzamentarias en Benestar Social e tamén acertamos en sumar mais entidades á hora de colaborar. Entre todos estamos facendo un bo traballo”.

Vega dixo: “Con quén colaboramos? Pois colaboramos coa asociación Cogami, cunha achega de 2.000 euros, tamén coa asociación Axuda ao Enfermo Mental A Mariña con 4.000 euros, coa Fundación Edes con 2.000 euros, coa Cruz Vermella, é a primeira vez que se incorpora a este Plan Estratéxico, e tamén colaboramos con Cáritas, con toda esa labor que está facendo, creo que tamén é importante. Todos estes colectivos que cumpren unha función importante, que cumpren cun traballo que ás veces non valoramos, e desde logo desde as institucións, debemos valorar, respaldar e apoiar con orzamentos”.

Para o alcalde ribadense “o de hoxe foi un acto importante, debemos seguir incrementando entidades no 2025 e así o vamos facer. Seguiremos colaborando e quero darlles as grazas a todos por ese inmenso traballo que realizan todos os días”.

Exit mobile version