Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematou este venres en Ribadeo o XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado por Apaga

Ribadeo, 30 de agosto de 2024. Hoxe remata en Ribadeo o XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado por Apaga.

Ao longo das tres xornadas de traballo o medio cento de participantes asistiu a charlas nas que se abordaron cuestións como a diagnose de avarías sobre vehículos, a tecnoloxía aplicada ao deseño de vehículos industriais, a segunda vida e reciclaxe de baterías, entre outras. Foron impartidas por representantes de empresas como BMW, Stellantis, Bosch ou a EMT de Madrid.

Tamén tivo lugar a asemblea xeral de Apaga na que se deu conta da programación de cursos para o vindeiro ano 2025, dos proxectos europeos nos que está a participar a asociación como o do hidróxeno ou dun novo sobre a intelixencia artificial que se pretende solicitar.

No XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos tivo lugar unha sentida homenaxe a Pedro Álvarez, colaborador de Apaga falecido hai uns meses. Nas instalacións da asociación foi proxectado un audiovisual e a familia recibiu un ramo de flores así como un cadro, cunha composición de fotografías que recolle o paso de Pedro Álvarez por Apaga.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, agradece “a asistencia do medio cento de persoas que acudiron a este Fórum, que conta coa homologación da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional. Temos que dar ás grazas aos conferenciantes, a todas as empresas que dun xeito ou outro colaboraron con Apaga e tamén ás institucións: ao Concello de Ribadeo, á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia”.

Feira do Automóbil

Como actividade complementaria ao XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículo terá lugar a I Feira do Automóbil, que se desenvolverá este sábado e este domingo, 31 de agosto e 1 de setembro, no porto de Ribadeo a carón da lonxa. A inauguración está prevista para mañá ás 10 horas.

Exit mobile version