Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 15.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais no mes de xullo

Ribadeo, 2 de agosto de 2024. Preto de 15.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais no mes de xullo. Os datos ofreceunos esta mañá a concelleira de Turismo, Marta Saiz.

A edil ribadense contou que “a oficina de turismo da vila abriu durante todos días do mes en horario de mañá e de tarde contabilizando un total de 7.681 viaxeiros. O día de maior afluencia foi o 25 de xullo con 450 persoas O punto de información turística da praia das Catedrais rexistrou un total de 7.227 consultas, sendo o día de maior afluencia o 26 de xullo con 765 persoas. Debemos resaltar que as entradas ao areal esgotáronse a partires do 17 de xullo”.

Saiz tamén se referiu ás procedencias dos turistas chegados a Ribadeo: “no tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue a ser o principal emisor cun 1.846 persoas na oficina do centro, o que supón un 30,3%; e no punto de información de As Catedrais 1.98, o 29.15%. Séguena Castela León, Andalucía (converténdose na terceira forza emisora, probablemente porque os viaxeiros/as do sur veñen buscando temperaturas suaves), Galicia, Castela a Mancha e Euskadi, no centro da vila. E Cataluña, Galicia e Comunidade Valenciana no punto de información das Catedrais”.

A concelleira de Turismo contou que “con respecto ao turismo internacional, representa un 10,5% no centro da vila e un 15,7% do total das visitas no punto de información das Catedrais. debido en gran parte á internacionalización deste Monumento Natural, que xunto co Camiño Norte de Santiago e o porto deportivo de Porcillán converten Ribadeo nun destino internacional. Os visitantes estranxeiros chegan procedentes de máis de 35 países diferentes, que encabezan, Francia, Alemaña, Estados Unidos, Bélxica e Holanda”.

Para Marta Saiz “un dos datos máis salientables deste comezo de verán é o das pernoctas en Ribadeo, acadando un total do 32% do total de visitantes. Este dato das pernoctas reforza os informes estatísticos do mes de xuño, durante o que Ribadeo aglutinou o 44% das pernoctas de toda a Mariña (un total de 8.094 hospedes dos que o 32,30 foi turismo internacional).

A edil agradeceu “o traballo do persoal das oficinas de turismo e praias así como ao sector privado polo esforzo que leva realizando dende comezos da temporada estival, pois entre todos e todas contribuímos a acadar un destino turístico de vangarda”.

Actividades polo verán

Saiz subliñou que “un ano máis, Ribadeo fai unha fortísima aposta polo turismo de calidade, organizando 12 percorridos guiados a través dos que se pode descubrir o seu importante patrimonio natural e cultural, 3 vistas teatralizadas, 3roteiro guiados e interpretados para gozar do fascinante patrimonio cultural presente en cada recuncho da vila e tamén do interior do Concello, 2 visitas guiadas a espazos de interese históricos (O Santuario de Nosa Señora das Virtudes e o Forte de San Damián); e por último as xa coñecidas XeoRutas. Catro itinerarios xeolóxicos para ter unha ampla visión deste importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da mariña lucense”.

A concelleira de Turismo e Comercio dixo que “apoiando estas iniciativa que emanan do sector público, atópanse unha ampla gama de empresas de turismo activo que ofrecen experiencias diferentes e múltiples en contacto coa natureza. Esta oferta cultural súmase a unha serie de proxectos e eventos que o Concello vén desenvolvendo nos últimos meses e que converten Ribadeo nun lugar para gozar dunha estancia que asegura unha tranquilidade dinámica e diversa indicada para todas as franxas de idade e tamén coherente cos obxectivos que se veñen perseguindo nestes últimos anos, a calidade e a excelencia turística”.

Exit mobile version