Este tramo, que vai dende a depuradora de Landrove ata o cruce, é o que sofre máis roturas na rede de abastecemento. A concellería vén de recibir unha memoria técnica que cifra o custo da obra arredor dos 200.000€.
“Estamos traballando para conseguir este orzamento para 2025 e así poñer fin a un problema que vén de atrás e que tanto afecta á veciñanza da zona”, sinala Miriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e concelleira de Obras, Infraestruturas e Mantemento no Medio Rural.
“Ademais da reparación da rede na que estamos traballando, sustituiremos 1km de tubería entre a Xunqueira e Magazos cando se faga a reposición de Beirarrúas”, engade a tenenta de alcaldesa.
Isto súmase ás reparacións das roturas da rede sofridas nos últimos días en Landrove e Galdo. “Dende o Concello pedimos desculpas polas molestias que ocasionan este tipo de sucesos, que intentamos solucionar sempre coa maior brevidade”, apunta Bermúdez.
Pola súa banda, Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural, Saneamento e Abastecemento de Auga, sinala que “garantir a calidade da rede de abastecemento é fundamental no rural e en todo o municipio, polo que este tipo de accións son prioritarias para o noso Goberno”.