Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco celebra desde Vilalba a aposta do Goberno polos Paradores de Turismo de Galicia con 35M€ para a recuperación do patrimonio e coa redacción dos Plans Directores

Avanza que o Ministerio de Industria ten en contratación as obras de reforma de Vilalba, Ferrol e San Estevo e adxudicou as do Hostal dos Reis Católico e de Baiona

Vilalba, 30 de agosto de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, celebrou hoxe en Vilalba a aposta do Goberno pola mellora da oferta turística de calidade que representan os Paradores de Turismo de Galicia, con investimentos de 35 millóns de euros para a recuperación do patrimonio e mellora e coa redacción dos Plans Directores de Conservación. Pedro Blanco achegou os avances destas melloras durante unha visita ás instalacións do Parador de Turismo de Vilalba, na que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o director do establecemento, Antonio Graña.

Alí, o delegado avanzou que o Ministerio de Industria vén de adxudicar as obras de mellora e recuperación patrimonial dos Paradores de Baiona e Hostal dos Reis Católicos, por valor de 17,6 millóns de euros. En paralelo, o Ministerio abriu no mes de agosto a contratación das obras de mellora dos establecementos de Vilalba, San Estevo de Ribas de Sil e Ferrol, por un importe conxunto de 2 millóns de euros.

Parador de Vilalba

Na visita, o delegado detallou as principais actuacións que se levarán a cabo no Parador de Vilalba, e que superan os 840.000 euros de orzamento base. Concretamente, serán traballos de rehabilitación e conservación da torre, así como melloras e renovación do alumeado da torre e do almenado con criterios de eficacia e eficiencia enerxética.

A este investimento, o delegado engadiu a previsión de Turespaña de sumar 300.000 euros, que tamén se dedicarán a melloras da Torre do Homenaxe e que están incluídas no Plan Estratéxico de Paradores 2023-2026. “Estou convencido de que estes proxectos aumentarán o potencial deste establecemento, símbolo xa de Vilalba e da Terra Cha, e reclamo turístico, cultural e gastronómico de toda a provincia de Lugo”, sinalou.

Pedro Blanco significou tamén a importancia do contrato de redacción dos Plans Directores de Conservación dos Paradores que teñen consideración de Ben de Interese Cultural, como é o caso de Vilalba. Na actualidade, e a nivel nacional, só o Hostal dos Reis Católicos conta cun documento destas características. O Plan Director de Conservación é un documento que permite coñecer a fondo o patrimonio e as súas necesidades, e sirve para planificar as actuacións necesarias para a súa conservación e mellora.

Exit mobile version