A través do programa Xunt@s polo serán a Vicepresidencia provincial achega o domingo 25 a charanga Mekanika Rolling Band, que completa o programa musical e de actividades proposto para a fin de semana.
García agradeceu “a dedicación das persoas que forman parte da comisión, que fan posible a celebración das festas, un espazo de encontro que reforza os lazos entre a veciñanza” e encadrou a colaboración “no apoio que a Vicepresidencia provincial proporciona ao tecido asociativo, poñendo á súa disposición distintas programacións dirixidas a impulsar a presenza da música tradicional, da animación de rúa e da música en galego en citas festivas e culturais por todas as comarcas”.
O programa Xunt@s polo serán é unha iniciativa de natureza cultural e festiva que serve de paraugas para articular unha axenda de actuacións de música, danza, maxia, circo e obradoiros polos diferentes concellos e comarcas, contribuíndo a ampliar a actividade cultural en todo o territorio.