Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reivindica o seu traballo na Deputación “percorrendo cada día o territorio para estar próximos aos lucenses” e “ser útiles para a provincia”

O portavoz, Antonio Ameijide, rendeu contas ante os medios de comunicación xunto aos viceportavoces, Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, e máis deputados provinciais acompañados pola presidenta provincial e voceira do PP no Concello de Lugo, Elena Candia

Lugo, 5 de agosto de 2024. A defensa da igualdade de tódolos lucenses e o reparto equitativo de fondos entre tódolos Concellos, a transparencia, o contacto permanente cos veciños e os seus representantes a pé do territorio, o apoio aos sectores estratéxicos e ao desenvolvemento industrial da provincia foron as liñas principais do traballo dos deputados do Grupo Provincial Popular. Así o explicou o portavoz, Antonio Ameijide, facendo balance ante os medios de comunicación xunto aos viceportavoces, Demetrio Salgueiro e José Ángel Santos, máis deputados provinciais e á presidenta do PP da provincia, Elena Candia, para “dar conta do noso traballo como representantes dos lucenses e grupo maioritario na Deputación de Lugo” intentando que sexa “próximo aos nosos veciños e útil para a provincia”.

Para os populares “todas estas cuestións -xunto á prestación de servizos, atender ás súas competencias e ao seu patrimonio e cumprir a lei- deberían ser os principais obxectivos dun goberno provincial”. Pero “o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo caracterízase polo sectarismo, a desatención aos veciños e aos bens da propia institución e o ocultismo”.

Os deputados do PP descentralizaron as reunións de traballo para coñecer máis de preto as necesidades de cada comarca e cada concello, escoitaron aos alcaldes que o presidente Tomé non recibe, portavoces, veciños e distintas entidades facendo ducias de miles de quilómetros (unha media de máis 1.000 km por semana), revisaron tamén miles de decretos, expedientes a pesar das trabas burocráticas, acompañaron aos veciños nas súas manifestacións e, incluso, impulsaron a mobilización de alcaldes e portavoces ante a discriminación no Plan Único, agora denominado Plan Deputación, aos Concellos máis pequenos que son aos que debería axudar precisamente a institución provincial.

O Grupo Provincial Popular esgotou o máximo de iniciativas a presentar aos Plenos defendendo propostas en materia de infraestruturas viarias (estatais e provincias) e ferroviarias, en apoio a iniciativas industriais e ao desenvolvemento da provincia, o turismo, o sector primario, para a construción e apertura das residencias de maiores comprometidas, a cooperación cos Concellos, a atención aos animais e a transparencia, como oito eixos principais.

As iniciativas do Grupo Popular aprobadas por unanimidade dirixíanse a: recuperar as achegas de avogados e procuradores de mutualidades ao sistema RETA, reclamar ao Goberno central as obras da A-74 e ao goberno provincial un convenio propio da limpeza. Tamén logrou o PP aprobar co voto a favor do BNG e en contra do PSOE a regularización e ampliación das instalacións da Protectora de Animais de Lugo e a retirada da nova proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús.

Do total de rogos e preguntas, os deputados provinciais dirixiron no primeiro caso 3 de cada 4 a demandar a mellora da rede viaria provincial ao seu paso por distintos Concellos ante “o total estado de abandono e o perigo que supón para os usuarios” e os restantes á conservación do patrimonio da Deputación ou ao mantemento de espazos verdes. E, no segundo caso, tamén se interesaron por coñecer máis detalles sobre o mantemento de vías provinciais, o abandono de bens e propiedades da Deputación (residencias, polígonos industriais, Pazo Provincial dos Deportes, nave de Begonte…) ou a situación do Consorcio Provincial de Bombeiros.

A DEPUTACIÓN DE LUGO TAMÉN INCUMPRE COA CIDADE

Elena Candia explicou que “o obxectivo do balance do Grupo Provincial Popular é render contas ante os lucenses que nos fixeron forza gañadora, igual que estamos facendo co resto de representantes nas distintas institucións a modo de peche de curso político”.

E, en clave municipal, recordou que aínda que “somos coñecedores que as deputacións teñen que prestar asistencia técnica, económica e xurídica aos pequenos concellos fundamentalmente, cremos que procede facer unha valoración do pouco apoio que que tivo coa cidade de Lugo, probablemente froito da mala relación política entre ambos líderes”.

A Deputación de Lugo abandona o paseo do Rato e do Miño; segue sen solucionar o problema de inseguridade viaria nunha estrada provincial que atravesa o Burgo e que é Camiño de Santiago; así como tamén o incumprimento dun acordo plenario para axudar á protectora, “un tema que é de estrita competencia municipal”.

MALAS PRÁCTICAS DO GOBERNO DE TOMÉ

O portavoz, Antonio Ameijide, ten denunciado ao longo deste ano “as malas prácticas do goberno que preside Tomé”. Algunhas das actuacións de PSOE e BNG que teñen reprobado os populares foron a redución do aforo do salón de plenos para evitar que os veciños da provincia escoiten o seu posicionamento sobre certos temas que lles afectan, a expulsión en diversos plenos dos veciños de Becerreá que reclaman a apertura da residencia de maiores ou os impedimentos constantes ao deputados do Grupo Provincial Popular para acceder a instalacións da Deputación de Lugo, un dereito dos membros da Corporación tal e como lles recordou a Valedora do Pobo.

Ademais, Ameijide lembrou que “destapamos o uso sectario de fondos da Deputación de Lugo en beneficio de afíns”:

-a participación da Deputación de Lugo nun pelotazo inmobiliario cunha achega de 900.000 euros para a compra do castelo de Doiras (Cervantes) a unha Fundación dirixida polo socialista e presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

– o intento para dirixir preto doutro millón de euros a outra familia vinculada ao PSOE a través da adxudicación do servizo ‘Coñece a túa provincia’ que “logramos paralizar coas nosas denuncias públicas”

– o reparto a dedo de fondos provinciais con Concellos afíns: durante o 2023 destinaron a través de convenios 15 M€ e na primeira metade do 2024 ata 3,3M€ a concellos gobernados por PSOE e BNG “discriminando á metade dos concellos da provincia”

– a “lectura interesada” da función da Deputación de Lugo de cooperar cos Concellos con menos recursos ao dirixir a Concellos gobernados polo PSOE (Pol, Viveiro…) fondos públicos do ente provincial para tratar de tapar a mala xestión económica dos seus alcaldes.

Os populares tamén sacaron á luz:

– o enchufe de afíns e persoas de máxima confianza do PSOE e do BNG como funcionarios na Deputación de Lugo e nos Concellos gobernados por alcaldes socialistas: Sonia Méndez como xefa do servizo de contratación do ente provincial pasando por riba de funcionarios de carreira con anos de experiencia e o xefe de gabinete como secretario-interventor no Concello de Antas de Ulla. “O goberno provincial de PSOE e BNG estase a converter nunha especie de axencia de colocación de afíns”

– as mentiras de Tomé sobre a venda pública de parcelas do Plan Paradai da que si tiña coñecemento porque, dende que tomou posesión, asinou documentos que o demostran: a débeda de máis de 2,7 M€ figuraba nas contas da liquidación de Suplusa, sendo Pilar García Porto membro da comisión liquidadora, e o propio Tomé asinou a proposta que levou a pleno a aprobación desta liquidación, que votou a favor e na xunta de goberno do 6 maio de 2022 acordouse que a Deputación de Lugo comparecería no recurso contencioso-administrativo presentado polo comprador.

Exit mobile version