José María Fernández pregunta á PSOE e BNG polos motivos de desbrozar unicamente “os 300 metros da entrada ao municipio” uns días antes das festas de Trabada: “os veciños de todas as parroquias tamén merecen ter as estradas que levan ata as súas casas en perfectas condicións”
Os deputados populares, Antonio Ameijide e José María Fernández, tamén voceiro do PP de Trabada, percorreron varias destas estradas e comprobaron como non se realizaron estes traballos, por exemplo na LU-P-6102, LU-P-6103 ou na LU-P-6104.
Ambos coinciden ao sinalar que “se está a transmitir unha imaxe moi mala, de abandono” mentres a PSOE e BNG “semella non importarlles esta situación”.
A maleza invade as cunetas e chega á calzada dificultando a visibilidade e poñendo en risco aos usuarios, especialmente en zonas onde se incrementa o volume de tráfico, como pode ser en Trabada, cun importante movemento de maquinaria agrícola.
Unha mala imaxe que ten “unha nota curiosa”, sinalan. “O certo é que as estradas están sen desbrozar, pero é curioso que uns días antes das festas de Trabada si que se preocuparon de limpar os 300 metros da entrada ao municipio”, explicaron.
Ademais da limpeza é necesario realizar o reasfaltado e repintado das estradas xa que “en moitos puntos non se ven nin os carrís de circulación”, un perigo maior en Trabada xa que é un municipio que ve como moitos días ao ano hai néboa, “o que dificulta aínda máis a visibilidade”.
Unha situación que repercute negativamente na imaxe que se dá da provincia de Lugo. “Mentres o sector privado, a Xunta de Galicia e algúns Concellos se esforzan por traballar na mesma dirección para lograr unha boa imaxe da provincia e ofrecer servizos para consolidar o sector turístico, o goberno de PSOE e BNG non está a axudar en nada”, conclúen.