Antonio Ameijide e os concelleiros do PP en Lourenzá, Roberto Díaz e Sandra Gómez, comprobaron o abandono e o perigo existente nesta estrada, na que vehículos e peregrinos comparten a calzada que nestes meses “é moi estreita debido a que a Deputación aínda non realizou o desbroce da maleza”
Lourenzá, 29 de agosto de 2024. A seguridade debe ser unha prioridade para todas as administracións, pero semella que para o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo non é así á vista do nulo mantemento que realizan nas estradas provinciais.
Unha situación que se repite ao longo de toda a provincia e Lourenzá non é unha excepción. Hai uns días, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto aos concelleiros do PP nese municipio, Roberto Díaz e Sandra Gómez, comprobaron o mal estado das estradas que a Deputación ten en Lourenzá, preocupando especialmente a situación da LU-P-2803.
Esta estrada provincial, que uno Santo Tomé con Lindín, é moi empregada a diario xa que conecta varios núcleos de poboación ademais de contar con parte do Camiño do Norte, unha vía en auxe e que cada vez conta con máis peregrinos.
Antonio Ameijide pon de manifesto a necesidade de dotar a esta estrada de medidas de seguridade xa que é moi estreita en moitos puntos “e agora no verán aínda máis porque a Deputación aínda non realizou o desbroce da maleza polo que o espazo para que vehículos e peregrinos poidan pasar é máis reducido”.
Tanto Antonio Ameijide como Roberto Díaz e Sandra Gómez coinciden na necesidade de habilitar unha senda peonil segregada da vía, naqueles puntos onde sexa preciso, para garantir a seguridade para camiñantes e condutores. “Non sería o primeiro lugar no que se habilita unha senda peonil á marxe da estrada pola que poidan transitar os peregrinos e demais peóns de forma que se separe o seu tránsito do tráfico rodado”, sinalaron.
Ademais sería preciso realizar un correcto mantemento da vía, comezando por reasfaltar aqueles puntos máis danados, o repintado da sinalización horizontal e a poda das árbores e desbroce da vexetación.
Poñer en práctica este tipo de medidas, ademais de mellorar a seguridade, axudarían a que os peregrinos que percorren o Camiño se leven unha imaxe mellor da provincia de Lugo. “A realidade é que o PSOE e o BNG dende a Deputación de Lugo teñen a provincia completamente abandonada, cos desbroces sen realizar a piques de rematar o verán. Que dirán estes visitantes cando volvan aos seus lugares de orixe?”, denunciaron.