Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide a José Tomé que “pare de mentir co centro de refuxiados en Castro, do que non tramitou nin un papel”

Antonio Ameijide afirma que dende que PSOE e BNG anunciaron este proxecto no antigo psiquiátrico de Castro non fixeron nada para que fose realidade: “nin sequera iniciaron o procedemento de segregación das parcelas”

Lugo, 22 de agosto de 2024. O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, acusa ao goberno provincial de PSOE e BNG “de vender fume” e de “xogar cun tema moi sensible como é a inmigración”.

Antonio Ameijide recorda que hai un ano que José Tomé anunciou a creación dun centro para refuxiados no antigo psiquiátrico de Castro, pero “nada fixo porque este proxecto fose realidade”.

Ameijide ve como agora “ante a falta de rigor e de traballo” do goberno provincial de socialistas e nacionalistas “buscan botar balóns fóra” e “acusan sen ningún tipo de fundamento” ao Concello de Castro de Rei de bloquear o proxecto.

A parcela na que se localiza o antigo psiquiátrico de Castro é de titularidade da Deputación provincial de Lugo, así como o edificio que leva máis de 10 anos abandonado. Neste finca rexistral coexisten dous usos, o gandeiro e o sociosanitario, polo que a Deputación de Lugo non pode ceder directamente unha parte do terreo ao Ministerio.

Para poder realizar a cesión, ten que ser o titular da propiedade, é dicir, a Deputación de Lugo, o que inicie un plan especial de dotacións “algo que nos consta lle explicaron os técnicos municipais de Castro de Rei á propia Deputación hai máis dun ano”.

O goberno de José Tomé sempre foi coñecedor de todos os pasos que tiña que dar para poder facer realidade o proxecto anunciado pero “todo apunta a que o goberno provincial nunca quixo reformar o antigo psiquiátrico, senón desfacerse desta propiedade sen gastar un euro” xa que “a realidade é que non tramitaron nin un papel”.

Son os mesmos pasos que tería que dar calquera particular, pero PSOE e BNG nada fixeron. “Pensan que están por enriba da lei”, criticou.

Antonio Ameijide esixe a José Tomé “que diga a verdade e deixe de tentar enganar á sociedade lucense”. “Non é ético nin moral xogar co futuro de persoas que tiveron que pasar por unha experiencia persoal traumática e que, en moitos casos, xogaron a súa vida na procura dun futuro mellor, polo que PSOE e BNG deberían de pedir desculpas públicas”, afirmou, xa que “co enorme problema de acollida que temos actualmente en España vemos que PSOE e BNG na Deputación so buscan enganar anunciando e prometendo proxectos dos que logo non fan nada”.

Exit mobile version