Os populares esixen a PSOE e BNG que cumpran coas súas obrigas á fronte da Deputación e poñan a disposición de todos os municipios os medios necesarios para mellorar a xestión do ciclo da auga xa que “o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os concellos no día a día”
Lugo, 30 de agosto de 2024. Hai uns días que ven de resolverse o segundo PERTE da auga e, como no primeiro, nin PSOE nin BNG á fronte da Deputación de Lugo fixeron os deberes “e non coordinaron nin prestaron ningún tipo de axuda á solicitude destas axudas”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que o PERTE da auga son uns fondos europeos que o Ministerio pon a disposición dos entes locais para mellorar o abastecemento de auga potable e o saneamento nos seus municipios.
Dende a Deputación de Lugo, como ocorreu na primeira convocatoria, tanto PSOE como BNG negáronse a liderar proxectos para os concellos da provincia como tampouco apoiaron a ningún dos 11 municipios lucenses que optaron a estas axudas: “PSOE e BNG nin están nin se lles espera”.
A realidade é que José Tomé “debe de dar exemplo” e “poñer a disposición de todos os municipios” os medios técnicos, económicos e humanos necesarios para poder mellorar o ciclo da auga en cada concello.
Un dos 11 municipios que se presentou ao segundo PERTE da auga foi Monforte, onde é alcalde o presidente da Deputación, pero quedou fóra destas axudas. “Seguramente se a Deputación de Lugo coordinase unha acción conxunta, como si fixeron Ourense e Pontevedra, seguramente o resultado tería sido totalmente positivo”, sinalou.
Un exemplo que Ameijide pon sobre a mesa tras analizar a situación do ciclo da auga de Monforte xunto aos concelleiros do PP nese municipio, Katy Varela e José Luis Rodríguez.
Os tres coinciden na necesidade de “dar un cambio á xestión do ciclo da auga en Monforte” xa que “practicamente cada semana se producen rebentóns na rede que deixan sen servizo durante días aos veciños das rúas afectadas”.
Os populares ven positiva a posible creación dun Plan Provincial de apoio aos concellos para a xestión do ciclo da auga xa que o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar todos os municipios, sendo competencia da Deputación cooperar cos concellos para garantir os servizos de competencia exclusiva municipal. “Cooperar cos Concellos é beneficiar a tódolos lucenses garantindo o abastecemento de auga de calidade e o correcto tratamento de augas residuais”, explicaron.
A escaseza de auga, a renovación e modernización das infraestruturas hidráulicas ou as esixencias normativas en materia de control de calidade e en relación á xestión das augas residuais son algúns dos aspectos que deben atender dende os Concellos e que requiren importantes recursos técnicos e económicos.
De feito, segundo o artigo 36.1 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local é competencia propia da Deputación coordinar servizos municipais para garantir a prestación integral e na totalidade do territorio provincial os servizos de competencia municipal e a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión. E, de forma máis concreta, o artigo 26.2.b) sinala que nos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes será a Deputación Provincial a que coordinará os servizos de abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.
Neste senso, Antonio Ameijide recorda como no pleno de xullo tanto José Tomé, como PSOE e BNG votaron en contra de que a Deputación puxese en marcha un plan de apoio aos municipios para mellorar a xestión do ciclo da auga no que se debería de incluír asesoramento técnico, coordinación para impulsar de forma conxunta – naqueles casos que así o desexen – proxectos para presentar ás convocatorias de axudas para a mellora do ciclo da auga, apoio económico a tódolos municipios para investimentos en obras destinadas ao abastecemento, saneamento e mellora do ciclo da auga cunha partida nos orzamentos da Deputación de Lugo de, polo menos, 3 millóns de euros ao ano e unha mesa de coordinación integrada por persoal técnico, representantes dos distintos grupos da corporación provincial e os alcaldes ou representantes municipais en quen deleguen.