A construción do treito do Fiouco, sendo ministro José Blanco, por unha zona de alta montaña con condicións meteorolóxicas adversas moi frecuentes “foi un erro e urxe implantar as medidas correctoras prometidas”
Lugo, 12 de agosto de 2024. Os senadores do Partido Popular de Lugo forzarán ao Goberno de Pedro Sánchez a dar explicacións urxentes sobre as medidas que pensan adoptar ante as “carencias de seguridade” do treito da autovía A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco.
Sinalan que o accidente múltiple acontecido esta fin de semana, coincidindo cun novo episodio de néboas intensas nese punto, é unha demostración da necesidade de adoptar decisións urxentes e extremar os medios para garantir que se poida circular nese treito en condicións de seguridade e normalidade.
O Goberno non respondeu no prazo regulamentario a ningunha das preguntas escritas formuladas por José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juán Serrano, polo que o regulamento do Sendo facúltalles transformar as iniciativas en pregunta en Comisión e forzar ao Goberno a comparecer nas Cortes.
Os senadores formularon unha batería de iniciativas sobre o tramo do Fiouco entre as que preguntaban polas razóns do atraso en implantar as medidas antinéboa prometidas (16/6/24), a incidencia das sentenzas que cuestionan a seguridade nese punto e o funcionamento do peche automatizado (1/08/24) e as razóns polas que non se mellora o treito alternativo de circulación a N-634 (8/06/24). Tiñan 30 días para respondelas.
Desde o PP sinalan que está demostrado que foi un erro que o Ministerio de Fomento, do que era responsable o socialista José Blanco, construíse a autovía por ese treito de alta montaña no que son habituais as condicións climatolóxicas adversas, e insta ao actual responsable do Ministerio de Transportes a tomar todas as medidas técnicas e operacionais precisas para garantir unha circulación con seguridade e non ter que lamentar novos accidentes.