Os deputados provinciais visitaban a zona fai preto dun ano e “case 12 meses despois comprobamos que a situación segue igual ou incluso peor”
Mondoñedo, 19 de agosto de 2024. O Grupo Provincial Popular condena a actitude do goberno provincial de PSOE e BNG porque “non da solución” ante os problemas de inundacións e inseguridade que sofren os veciños do Fondo da Vila, na parroquia mindoniense de Santa María Maior, pola rotura das canalizacións de drenaxe da estrada provincial LU-P-3103.
Os deputados populares visitaban a zona cos veciños fai preto dun ano e “case 12 meses despois comprobaron que continúan co mesmo problema ou, se cabe, máis grave”, segundo considera o portavoz, Antonio Ameijide. É por iso polo que dende o Grupo do PP se unen á reivindicación dos veciños para esixirlle ao goberno da Deputación o arranxo das tubaxes cunha capacidade suficiente para que non se volvan repetir inundacións nas vivendas da zona.
Se o 2023 o comezaban con auga no interior das súas vivendas debido á rotura das tubaxes das marxes das estradas, este verán repetíase a situación coincidindo cunha forte treboada acompañada de fortes chuvias que afectou á zona o 29 de xullo deste ano: as tubaxes non teñen suficiente capacidade e rebentaron coa presión da auga -que xa saía tamén polos buratos anteriores- vertendo pola estrada converténdoa nun perigo e inundando hortas, garaxes e, incluso, vivendas.
O portavoz popular sinala que “as canalizacións para o drenaxe transversal e lonxitudinal rebentaron pola presión da auga en momentos de intensas precipitacións debido, moi probablemente ao mal deseño, obstrución e falta de mantemento, xerando danos no asfalto e nas vivendas e un risco innecesario”. E no lugar de Braña, tamén na marxe desta mesma estrada provincial, a canalización e a drenaxe están totalmente desfeitas. Pero ante esta situación, “o goberno provincial de PSOE e BNG non se preocupa o máis mínimo e a desfeita leva xa máis de ano e medio sen reparar”.
Os populares esíxenlle a Tomé e o seu goberno adoptar medidas de forma urxente para garantir a seguridade de persoas, inmobles e vehículos acometendo as obras necesarias, previa realización dos estudos técnicos, para canalizar a auga de escorrentía nesta vía provincial mediante canalizacións de drenaxe lonxitudinal e transversal. Así mesmo, cren necesario levar a cabo un mantemento axeitado das cunetas e reparar os danos causados ao firme da estrada provincial.
Ameijide engade tamén que hai varandas rotas e que o firme está desfeito noutro treito de aproximadamente 1 km da estrada provincial LU-P-3103 que quedou sen arranxar cando se mellorou o resto da vía.