Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe explicacións e solucións na Policía Local de Viveiro “que leva preto de 6 meses inactiva no municipio”

Os concelleiros populares e o Grupo Provincial preguntarán no Pleno se houbo avances no procedemento informativo e de actuacións previas para o que a alcaldesa solicitou colaboración ao servizo de asistencia e asesoramento técnico aos Concellos da Deputación de Lugo, á vista de que pasan as datas máis importantes para a vila e non chegan as solucións

Viveiro, 6 de agosto de 2024. Os populares advirten que “Viveiro leva preto de 6 meses sen efectivos da Policía Local” e esixen “explicacións sobre o que fixeron e que se tomen en serio o problema ofrecendo solucións”.

A voceira municipal, Mariña Gueimunde, censura que “nin a alcaldesa nin o seu goberno foron quen de dar solución a un problema” que se estende dende finais de febreiro cando a totalidade dos efectivos do Corpo de Policía Local deixaron de prestar servizo por atoparse de baixa polo que “o servizo se encontra de facto totalmente suspendido e inactivo, segundo as resolucións da Alcaldía”.

Os grupos municipal e provincial esixirán explicacións en Pleno para saber a actual situación do corpo da Policía Local de Viveiro e en que punto do procedemento informativo e de actuacións previas para o que solicitou colaboración ao servizo de asistencia e asesoramento técnico aos Concellos da Deputación de Lugo aberto o 1 de marzo pola alcaldesa apertura dun procedemento informativo e de actuacións previas para determinar as circunstancias excepcionais acaecidas.

O portavoz provincial, Antonio Ameijide, condena que “de novo vemos como o actual goberno da Deputación nunca está á altura das circunstancias, o Concello de Viveiro ten un problema enorme coa Policía Local, levan meses sen servizo e no momento no que se multiplica a poboación da vila, nin goberno municipal nin provincial fan nada”.

Os populares preguntan, ademais, se xa está firmado o convenio co Concello de Lugo para o instrutor, se xa se comezou a instrución e as declaracións dos implicados porque, polo que sabemos, aínda non hai nada: nin un paso.

ANTECEDENTES

O día 1 de marzo tamén se celebraba a única reunión de portavoces ata o momento sobre este asunto, coñecíamos a solicitude ao servizo de prevención de riscos laborais da emisión de informe de avaliación de riscos psicosociais dos postos de traballo por decreto da Alcaldía e a solicitude de colaboración da Deputación de Lugo a través do servizo de asistencia e asesoramento técnico aos Concellos para levar a cabo a tramitación do expediente informativo e de actuacións previas.

“Dende aquela o único que transcendeu foi que en maio fora nomeado o instrutor do expediente, pero seguimos sen saber se xa se iniciaron as actuacións -intervencións, entrevistas ou procedementos para analizar os feitos e condutas- ou se xa foi emitido o informe de avaliación de riscos que a alcaldesa resolvía solicitarao servizo de prevención de riscos laborais”, subliñou Gueimunde.

Os populares lamentan que “pasara a Semana Santa, o Resurrection Fest, a Feira Renacentista, o Corpus Christi e que estamos afrontando xa o mes de agosto no que a poboación de Viveiro se multiplica e, polo tanto, as incidencias en materia de seguridade viaria e cidadá se incrementan sen este servizo”. É máis, “seguimos sen coñecer os avances e a previsión do goberno local para solventar o problema”.

Exit mobile version