Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que o BNG e o PSOE “tentan silenciar á oposición ao negar o debate dunha moción presentada polos populares sobre a praia de San Bartolo”

Os concelleiros do PP de Barreiros realizaremos unha recollida de sinaturas: “dado que nin BNG nin PSOE queren defender un interese xeral da veciñanza, apoiarémonos nos propios veciños para acadar a seguridade necesaria nesta praia para volvera disfrutar todos dela”

Barreiros, 17 de agosto de 2024. Dende o PP de Barreiros amosaron a súa firme repulsa ao intento da señora alcaldesa de silenciar á oposición ao negar o debate dunha moción presentada polos concelleiros populares para que Costas actúe e garanta a seguridade e o acceso á praia de San Bartolo, pero a rexedora unicamente dixo “que non era importante”.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que “non é unha moción polémica, senón que pretendía buscar solucións para unha praia que leva catro anos pechada e que vemos como se seguen danando sen que nin o Concello nin o Goberno do Estado fagan algo para dar unha solución”.

José Manuel Gómez Puente afirma que “se a señora alcaldesa non quere debater algo que afecta directamente ao Concello de Barreiros e a todos os seus veciños, para que se celebran os plenos?”.

Dende a bancada popular explica que “nos plenos non se pode debater unicamente sobre o que lle interesa ao equipo de goberno do BNG” xa que “os plenos están para debater todos os asuntos que lle afectan aos barreirenses e o problema da praia de San Bartolo aféctanos a todos”.

“Amosamos a nosa firme repulsa ao intento do BNG e do PSOE de tentar silenciar á oposición ao negar o debate de cuestións que afectan a todos os veciños de Barreiros. En política hai que deixar falar a xente e logo que voten o que consideren”, sinalou.

A realidade é que o tempo segue pasando e os danos tamén polo que tamén está en perigo o paseo e as vivendas próximas: “temos que protexer a praia e o entorno entre todos”.

O voceiro popular puntualiza que o areal de San Bartolo “non é unha praia privada, como a señora alcaldesa pretende facer ver, é unha praia de todos, incluso podemos cualificalo de monumento natural de todos os veciños de Barreiros”.

Neste senso, comunican dende o PP de Barreiros que realizarán unha recollida de sinaturas para que, apoiados nos propios veciños, “esta praia volva a ser segura e todos poidamos desfrutar dela”.

Exit mobile version