Os populares trasladaron esta petición ao último pleno porque cren que “o desbroce unha vez ao ano é insuficiente”
Xermade, 1 de agosto de 2024. Os concelleiros do PP de Xermade esixen ao goberno do Concello a elaboración dun cronograma para desenvolver os traballos de desbroce das marxes das estradas municipais dun xeito ordenado para garantir o correcto mantemento da rede viaria do Concello ao longo do ano.
A petición dos populares responde á “insuficiencia” que supón “o desbroce con periodicidade anual -unha vez ao ano-” porque “na primavera e na época estival a maleza acelera o seu crecemento dificultando a visibilidade dos condutores”.
Ante os traballos de desbroce realizados, por exemplo, nas vías da parroquia de Cazás que afectaron simplemente nun treito da estrada de Castro da Igrexa a Castiñeira e a outro da estrada Raiola-Buriz (que non é de titularidade municipal, senón provincial) propoñen “unha mellor xestión dos recursos públicos”.
De feito, cren que “se a maquinaria traballa de forma seguida” evitaríanse o tempo e os gastos do desprazamento (gasoil) de forma que non se ralentice o traballo”. Ademais, “facendo un treito e deixando outros quedan sen atender como merecen o resto de zonas e parroquias prexudicando á maioría dos veciños e veciñas”.
ESTRADAS PROVINCIAIS
O PP de Xermade advirte tamén da perigosidade que supón que as marxes das vías provinciais estean tamén sen desbrozar cando estamos xa a mediados do verán e a maleza leva tempo invadindo parte da calzada dificultando a visibilidade dos usuarios como, por exemplo, na LU-P-2205 que comunica Xermade coas Pontes polo polígono ata Portosouto. Así pois, urxen ao goberno local a trasladar ao goberno da Deputación de Lugo a necesidade de desenvolver estes traballos de roza “canto antes” e a “planificar mellor en vindeiros anos”.