Os populares consideran “crítica” a situación destas parroquias e reivindican como “urxente e necesario” corrixir os problemas na rede de abastecemento de auga
Os concelleiros populares subliñan como “crítica” a situación destas parroquias e da que xa advertiran o mes pasado ante as continuas queixas dos veciños e veciñas polos “continuos cortes de auga sen ningún tipo de aviso previo” que “provocan inevitables trastornos para a vida diaria dos veciños”. De feito, “sofren constantemente cortes no subministro que lles impiden realizar tarefas coma o aseo persoal, labores de limpeza nos seus fogares e negocios ou algo tan necesario como dar de beber aos animais ou regar as hortas”.
Para os concelleiros do PP “é obriga do goberno local valorar e cubrir na medida do posible as necesidades básicas dos cidadáns, garantindo os servizos coma o da auga”.
Á vista de que “levamos 6 meses sen efectivos municipais -nos que nin a alcaldesa nin a súa socia de goberno avanzaran para esclarecer e solucionar a situación que vive a Policía Local de Viveiro co seu corpo de baixa médica dende finais de febreiro-, entendemos que se liberaría unha contía importante do presuposto que queda dispoñible para realizar redistribucións de gasto que permitan consignar crédito para outras aplicacións”.
E, tendo en conta que “a auga é un ben básico e o seu subministro é unha competencia municipal, instamos ao goberno bipartito a que teña en conta a necesidade de garantir o acceso á auga potable aos veciños destas parroquias de Viveiro”.