Mariña Gueimunde: “Non dicimos que a pista de skate e a obra no parque Pernas Peón non sexan necesarias, pero a realidade é que hai actuacións básicas de mantemento dos espazos públicos moito máis urxentes e que non se atenden”
Viveiro, 22 de agosto de 2024. O PP de Viveiro esixe ao goberno local “un mantemento mínimo” do municipio, comezando por aspectos tan básicos como o coidado das zonas públicas e o seu mobiliario, as zonas verdes ou os parques infantís.
A voceira popular, Mariña Gueimunde, pon sobre a mesa o mal estado, por exemplo, do barrio da Atalaia, en Celeiro, “onde é necesario que o goberno local se dea unha volta para ver o seu estado de abandono”.
Un exemplo moi gráfico é unha das escaleiras que hai no barrio. Está completamente deteriorada, coas varandas metálicas retorcidas, desencaixadas e inutilizadas e con indicios de non prestarlle atención en moito tempo, sucias, con excrementos e malas herbas e con grandes pedras desprendidas do seu asento “pero non se acota por seguridade, supoñendo un risco para calquera cidadán que a poida empregar”.
Nesta zona do municipio tamén é necesario o mantemento do parque infantil, repoñendo os elementos de xogo que faltan ou que están danados, así como renovar o mobiliario estropeado e o coidado das zonas verdes.
“O goberno local comprometeuse no pleno a facelo, pero os meses pasaron e nada fixeron, demostrando que a súa palabra non vale nada”, lamentou Gueimunde.
O goberno local debería priorizar os recursos dos que dispón e “en lugar de destinalos ao mantemento mínimo e básico do municipio, destínaos a outros menesteres que non cubren as necesidades básicas dos veciños e veciñas do noso concello”.
A voceira popular refírese, por exemplo, á pista de skate ou ás obras do parque Pernas Péon, obras que rondan entre as dúas os 250.000 euros e que ben poderían aprazarse no tempo para atender primeiro o entorno e edificio do parque ou calquera das instalacións deportivas municipais que necesitan de inversións. “Non dicimos que non haxa que realizar esas actuacións, pero seguro que non son tan prioritarias como outras moitas que levan meses agardando”, sinalou.
No referente á reforma do parque Pernas Peón dende o PP de Viveiro recordan que no pleno deste mes xa defendemos unha iniciativa para impulsar a rehabilitación do edificio municipal do parque Pernas Peón e o trazado da vía que discorre paralela á praia de Covas “dúas actuacións prioritarias” dado o abandono do edificio e o mal estado do firme da carretera. “O máis lóxico é empregar os cartos da subvención concedida pola Xunta de Galicia a través do plan de embelecemento do litoral (105.897,25 euros) no patrimonio do concello que se está deteriorando, antes de acometer novos proxectos”, di Gueimunde.
O parque Pernas Peón é unha das paraxes naturais máis características e populares de Viveiro e que dispón dun edificio municipal pero que “na actualidade atópase en estado de semiabandono desde que os últimos adxudicatarios cesasen na súa actividade” e “sen visos de novos proxectos de goberno que puxesen en valor o potencial da edificación, sen pregos de contratación, investimentos ou obras de reparación, adecuación e conservación á vista”.
En canto á pista de skate, “seguramente unha boa idea para o municipio”, pero non é menos certo que “existen outras prioridades máis urxentes no municipio”.
“O que ten que facer a señora Loureiro é tomar as rendas do goberno e concretar coa tenencia o verdadeiramente importante para o benestar dos viveirenses e para o futuro do noso concello. Non pode ser que tódalas parroquias e barrios do Concello se sintan abandonadas, como os veciños e veciñas da Atalaia en Celeiro, mentres as gobernantas cravan unha punta e véndeno como si fixeran unha autovía”, conclúe.