O portavoz provincial do PP incide en que “o atraso dos desbroces e o mal estado do firme da rede viaria da Deputación que preside Tomé pon en risco aos lucenses e lastra o desenvolvemento turístico da provincia”
Lugo, 13 de agosto de 2024. “Un claro exemplo da xestión deficiente do goberno provincial de PSOE e BNG é o constante malestar de veciños e visitantes pola falta de desbroce nas marxes das estradas da Deputación na maior parte da provincia cando estamos xa a mediados de agosto”, sinala o portavoz do PP, Antonio Ameijide.
“As marxes das vías da rede provincial proxectan unha imaxe de abandono” e “o goberno da Deputación amósase totalmente indiferente. A maleza das cunetas, nalgúns casos, invade parte da calzada dificultando a visibilidade e poñendo en risco aos usuarios, especialmente en zonas onde se incrementa o volume de tráfico”, explica o popular.
É o caso de zonas turísticas da provincia coma A Mariña ou a Ribeira Sacra e tamén doutras que con motivo das patronais reciben máis visitantes. É o caso de parroquias como a luguesa de Bóveda, que esta semana celebra as súas festas. “Os veciños trasládannos as súas queixas porque as beiras das estradas da Deputación están sen limpar e pode supoñer un risco para condutores e peóns”, indica o popular.
Ameijide subliña “o mal estado do firme das estradas provinciais ao seu paso por esta parroquia”, especialmente a LU-P-2922, que se atopa nun “estado lamentable pola acumulación de fochancas e importantes buratos”.
INSEGURIDADE E PREXUÍZO AO TURISMO
O portavoz do Grupo Provincial Popular incide en que o atraso dos desbroces e o mal estado do firme da rede viaria provincial, que son unha das competencias directas do goberno da Deputación que preside Tomé, “poñen en risco aos lucenses e lastran o desenvolvemento turístico da provincia”.
“Mentres o sector privado, a Xunta de Galicia e algúns Concellos se esforzan por traballar na mesma dirección para lograr unha boa imaxe da provincia e ofrecer servizos para consolidar o sector turístico, o goberno de PSOE e BNG non está a axudar en nada”, conclúe Ameijide.