Os populares explican que o equipo de goberno nin sequera respondeu ás preguntas sobre estas melloras que veñen reclamando reiteradamente e poucos días despois do pleno a solución que aportaron foi retirar os bancos deteriorados e os maceteiros cheos de malas herbas da Ponte de Pedra
Os populares advirten “do absoluto pasotismo” do goberno socialista ao respecto cando no último pleno a resposta a unha pregunta dos concelleiros do PP sobre estas melloras “pendentes dende fai meses nalgúns casos e, incluso, anos noutros casos” foi “o silencio: nin un si, nin un non, nin sequera un xa veremos…”.
Con todo, si consideran sorprendente que “uns días despois do pleno, a solución que dera o equipo de goberno a algunhas das nosas reclamacións fora sacar do seu lugar algúns dos elementos que pediamos limpar e reparar”. É o caso dos bancos deteriorados e os maceteiros cheos de malas herbas na ponte da Pedra. “Quitáronos do sitio para evitar o seu mantemento e non dan que falar”, sinalan.
O Grupo Municipal Popular cre que “entristece aos laurentinos que o noso concello proxecte unha imaxe de sucidade e abandono” que “xa se podería ter corrixido dende o tempo que levamos reiterando a necesidade de acometer este tipo de melloras para ofrecer unha imaxe acorde á historia e beleza de Lourenzá”.
Os populares poñen como exemplo o que poden apreciar os peregrinos á súa entrada ao municipio onde dispoñen dunha escultura na súa homenaxe que, na actualidade, presenta pintadas. Igualmente, explican que “a maleza sobresae nas fincas en pleno centro urbano proxectando mala imaxe e incomodidades a veciños e visitantes”.