Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afea a PSOE e BNG que “leven anos sen garantir a seguridade dos peóns que circulan pola marxe da LU-P1502 no acceso ao cemiterio de Burela”

Os populares propoñen instalar beirarrúas ou unha senda peonil para evitar que os peóns teñan que compartir vía cos vehículos: “calquera destas actuacións favorecería a mellora da seguridade viaria”

Lugo, 14 de agosto de 2024. Os deputados provinciais Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro mantiveron unha reunión de traballo co portavoz, Manuel Rouco, e os concelleiros do PP de Burela para coñecer de preto a situación do Concello e algunhas das demandas dos veciños para darlles traslado tamén ante a Deputación de Lugo.

Os populares insisten en demandar ao goberno provincial de PSOE e BNG un espazo seguro para os peóns que circulan pola estrada de Vilaestrofe, a LU-P-1502, de competencia da Deputación de Lugo, no entorno do cemiterio municipal da Puída.

Concretamente sinalan que “non hai beirarrúas dende o cemiterio ata a parada de bus habilitada na marxe desta estrada provincial polo que os veciños teñen que circular pola calzada; xa sexa polo arcén ou, incluso, invadindo un carril da propia vía”.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, afea ao goberno de Tomé “que leve anos sen escoitar esta reivindicación dos veciños para garantir a seguridade dos peóns nesta vía de titularidade provincial”.

ACTUACIÓNS DEMANDADAS

Os populares cren que é necesario instalar beirarrúas ou unha senda peonil para evitar que os peóns teñan que compartir vía cos vehículos: “calquera destas actuacións favorecería a mellora da seguridade viaria”.

Tamén son necesarias as tarefas de limpeza das cunetas para unha correcta evacuación da auga da chuvia e a colocación de quitamedos na marxe da vía.

Exit mobile version