Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela FS suma experiencia e calidade con Meira

O á-peche brasileiro é a terceira fichaxe da plantilla conformada polo técnico santiagués, David Rial

Burela, 28 de agosto, 2024. Guilherme Meira Acioli, Meira, natural de São Paulo (Brasil) é a terceira fichaxe do conxunto masculino do Pescados Rubén Burela FS para esta tempada 24/25 que xogará en Primeira División ante os mellores equipos de futsal do mundo. Xogador veterano que xa pasou por numerosos e coñecidos equipos da península, comeza a súa traxectoria dando o paso da categoría xuvenil ao futsal profesional no Corinthians, no que xoga do 2014 a 2017. Na tempada 18/19 ficha polo Copagril e na seguinte ingresa na liga portuguesa no Belenenses por un ano. Na tempada 20/21 continúa a súa ascendente carreira deportiva fichando polo Fundão, no que xogará un ano ata o seu debut na primeira división española co Jimbee Cartagena por dúas tempadas. En 2023 volve a Brasil para xogar no Carlos Barbosa volvendo a Portugal no mesmo ano de novo ao Fundão, do que provén.

O xogador de 28 anos móstrase moi contento de vir a Burela, “estaba desexando volver xogar a liga española e cando recibín esta oportunidade, dun club coma Burela, non o pensei dúas veces. Xa coñecía un pouco o club e aos seus afeccionados e xéranme moitas ganas de formar parte deste equipo.” Sobre o que espera achegar e levar do equipo, “Espero achegar lealdade, determinación e moito respecto ao escudo. Son unha persoa que o dá todo na cancha e veño aprender moito dos meus compañeiros, porque o que máis me interesa é non deixar nunca de mellorar en todos os aspectos como deportista e como persoa.” Sobre os seus obxectivos para esta tempada, “Conseguir que Burela volva triunfar manténdose en Primeira e que continúe medrando.” E cara á Familia Laranxa, “A mensaxe é moi sinxela: veño para ser un afeccionado dentro da cancha, pois entrégome ao máximo en cada partido para axudar aos meus compañeiros a triunfar. Sabemos da difícil tempada que nos toca e co voso apoio seremos capaces de conseguilo.”

Exit mobile version