Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Barreiros esíxelle seriedade e responsabilidade á oposición en relación coa seguridade nas praias

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, cualificou as declaracións do portavoz da oposición de “oportunistas, irresponsables e que faltan á verdade”. E asegurou que “pretender abrir uns accesos a unha praia que está sufrindo derrubes a diario, xustificándoo nunha modificación dunha ordenanza é temerario e irresponsable”

Barreiros, 20 de agosto de 2024. A rexedora de Barreiros, Ana Ermida, explicou que o goberno municipal leva tempo mantendo conversas coa Delegación Provincial de Costas para estudar as posibles actuacións en base á evolución da costa que, como é evidente, está a sufrir unha regresión natural que obriga a actuar con responsabilidade e seriedade. “Acontece na praia de San Bartolo, en Altar e todo ao largo da costa da Mariña cando menos”, asegurou.

A respecto da solicitude do Partido Popular para reabrir os accesos ao San Bartolo, manifestou que “están tentando avivar un debate que debe ser serio e profundo e que non pode moverse por intereses partidarios, senón públicos”.

“O responsable neste momento é manter os accesos pechados e impedir o acceso físico das persoas a onde existe perigo. Pretender substituír esas accións por un artigo modificado na ordenanza de praias é demagóxico, temerario e irresponsable, pensando que por poder evitar responsabilidades xurídicas se está facendo o obrigado”.

Ana Ermida foi tallante neste aspecto: “o Concello de Barreiros ten a obriga de garantir a seguridade nos espazos públicos e, a día de hoxe, coa situación existente, o único xeito de garantila é manter as zonas perigosas pechadas ao paso”.

A rexedora tamén manifestou que se realizarán “as actuacións que sexan posibles, pero non podemos pensar que determinadas actuacións que se fixeron nun momento son perennes e van permanecer impasibles e estáticas á evolución natural da costa”.

Ermida referiuse tamén ás manifestacións do portavoz popular nas que asegura que “minte” cando pon en boca da alcaldesa a afirmación de que o problema non é importante. O que se manifestou no pleno foi que a moción presentada non cumpría cos requisitos para incorporala de urxencia á orde do día, xa que non era unha cuestión que fora ter solución inmediata e, ademais, xa foi debatida en pleno e impulsouse unha comisión con todos os grupos políticos que se xuntará despois do verán, cando a carga de traballo o permite.

A rexedora anunciou tamén que esa comisión terá que facer un traballo exhaustivo de estudo da zona e dos accesos en xeral ao areal, revisando mesmo actos que permitiu o propio goberno do que formaba parte o actual portavoz da oposición e que daquela supuxeron un grave prexuízo para a veciñanza en xeral.

Exit mobile version