Site icon Crónica3.com A Mariña

“O futuro próximo da Illa Pancha”, por Covadonga Suárez

Neste mes de agosto todo o mundo fala de masificación: é un feito que se non se adoptan as medidas pertinentes para xestionar a riada de visitantes, Ribadeo corre risco de morrer de éxito como tantos outros lugares da costa mediterránea, idílicos hai décadas, hoxe arrasados por un turismo recibido sen un control específico.

No marco desta evolución un tanto desatada da nosa comarca, convén lembrar que no tema da illa Pancha xa temos entrado no ano final da concesión asinada o 30 de xuño de 2015 que autorizou a súa explotación privada para montar dous apartamentos turísticos no antigo faro por un periodo de 10 anos, prorrogable outros cinco, e que este pode ser un punto de inflexión clave para preservar a nosa costa e patrimonio natural e cultural.

A asociación «Por Nuestro Faro» naceu coa vocación de defender o que era un símbolo de Ribadeo na conciencia popular, e un enclave único, avalado concretamente pola Rede Natura 2000, declarado zona LIC (Lugar de importancia comunitaria) e ZEPA (zona de especial protección para aves), sen esquecer que o seu marco preservado e salvaxe ten feito que a súa imaxe se teña reproducido en infinidade de ocasións por fotógrafos, pintores, e artistas de todo tipo. A defensa que desenvolveu «Por Nuestro Faro» arrincou con motivo da decisión arbitraria de poñer unha illa cerrada e preservada a disposición dun particular para explotala: unha nova mentalidade mercantilista banalizaba sen complexos o respecto e a protección do patrimonio ó desacralizar un lugar «intocable» até entón.

Pero á marxe do mito que cada quen vexa nese lugar, a realidade concreta é que aquel espacio público, que permanecía cerrado, dicían, por motivos de seguridade, nin foi vendido ó mellor postor, pois non houbo concurso público. E o pobo de Ribadeo decatouse polos xornais: o goberno español do PP déralle a volta á lei que prohibía explotar os faros, un mes despois a entidade Puerto de Ferrol-San Cibrao presentaba a concesión asinada, e o entón alcalde de Ribadeo polo BNG, Fernando Suárez, congratulábase polo «premio» (sic). As palmadas mutuas das institucións propiciaron que o impensable se convirtira en banal e que «Por Nuestro Faro» se comezara a procurar o por que daquel volantazo no xeito de entender e xestionar a illa Pancha.

Os que teñan seguido o tema lembrarán todos os esforzos deste colectivo para que a pouca información que se nos daba (a cuentagotas) saíra á luz. O Defensor del Pueblo nos seus 8 comunicados deu a razón á asociación, ante o oscurantismo e irregularidades do proceso, recomendando deter as obras e cerrar o negocio mentres non se presentase ó menos o preceptivo informe medioambiental. Mais nada en todos estes anos puido coa resistencia férrea das institucións, que permitiron que obras e local seguiran adiante, e que nas mesmas condicións, autorizaran a entrada de palas escavadoras para a instalación dunha cafetería coa súa terraza exterior con tarima e barandas e proteccións sobre varios niveis. A día de hoxe nin se sabe se existe un informe de viabilidade económica ou se xeneran algún beneficio esas dúas suites que se publicitaron como o negocio do sécuo, coa panacea dos postos de traballo que xeneraría e que ó final quedou en un.

A asociación «Por Nuestro Faro» denunciou en múltiples ocasións todos os puntos escuros do proxecto, incluíndo a situación precaria da fosa séptica que quedou sen legalizar durante 9 anos, finalmente legalizada baseándose en documentos obsoletos. Pero as nosas alegacións non se tiveron en conta porque nada, repetimos, nada, ten podido impedir que o proxecto atado e ben atado por varias mans se desviara nin un ápice da traxectoria planificada. Ó contrario, serviu para que varios membros do colectivo e as súas familias foran ameazados e intimidados en plena rúa só polo feito de denuncialo, mesmo a empresa promotora levou a xuizo a un membro da asociación por ter mencionado a posibilidade de que houbera prevaricación, xuizo que a empresa perdeu.

O periodo de concesión de 10 anos da illa Pancha chega ó seu fin dentro duns meses sen que o novo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, se teña manifestado ó respecto dende a súa toma de posesión hai un ano. E a posibilidade de prorrogalo por cinco anos existe. Por iso enviamos hai poucos días un correo á Xunta de Galicia, cuxa Consellería de Medio Ambiente, en resposta ó Defensor del Pueblo, comprometeuse a estudar os efectos de todo proxecto futuro sobre os espacios da Rede Natura 2000. Tamén escribimos ó Concello de Ribadeo, e esta semana farémolo á entidade Puerto de Ferrol-San Cibrao.

Dede «Por Nuestro Faro» denunciamos a normalización da explotación privada dun ben público, e o adoutrinamiento indirecto das nosas xente nova na idea de que todo pode mercarse e venderse. Esiximos o cumprimento da lei, e o respecto das figuras de protección que deberan preservar a illa Pancha, en concreto que se reclame o estudo de impacto medioambiental, e que se estude o expediente que permite que, a pesar de todas as irregularidades constatadas e as resolucións do Defensor del Pueblo, a explotación dese espacio siga desenvolvéndose imperturbable a día de hoxe. Pedimos que, en caso de que se solicite unha prolongación da concesión hoxe en vigor, se garanta o cumprimento dos puntos antes citados, e se manteña informado ó pobo de Ribadeo de todo trámite, solicitude ou autorización que teña que ver con este lugar emblemático, patrimonio natural e cultural de todos os ribadenses.

Como asociación e como ribadenses, queremos desexar para a nosa illa Pancha un uso público que protexa a súa identidade, a súa esencia e o seu entorno, e un futuro en cuxa construción participemos todos.

Covadonga Suárez, A VV Por Nuestro Faro

Exit mobile version