Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz propón bonificar ás familias numerosas na modificación da ordenanza do IBI

Foz, 28 de agosto de 2024. A Delegación de Facenda do Concello de Foz ten lista a modificación da ordenanza de bens inmobles (IBI), máis coloquialmente a coñecida como “contribución”, e levará o vindeiro pleno da corporación municipal a súa proposta.

“Esta modificación vén motivada pola ponencia de valores realizada polo catastro sobre os valores catastrais dos terreos de todo o concello, que levaban sen ser revisados dende 1988. Ata o de agora o goberno do PP o que fixera foran actualizacións á alza, de forma lineal e sen ningún tipo de análise. Subas sen ter en conta a antigüidade dos inmobles, as súas características, etcétera: agora a revisión do catastro é completa, revisando tamén os valores dos terreos, polo que haberá bens que baixen de valor por estar construídos hai moitos anos ou que se revaloricen se están rehabilitados”, explica a concelleira delegada de Facenda, Inés López Couto.

A edil especifica que “o catastro modifica a situación dos inmobles en rústica: actualmente unha vivenda en chan rústico, nunha das nosas parroquias rurais, tiña dúas referencias catastrais, a da propia vivenda que se consideraba un ben urbano e a da finca que era cualificada como rústica. A lei de catastro indica que os bens serán cualificados segundo a natureza do seu terreo, polo que as vivendas en chan rústico pasarán á cualificación de ben rústico (son unha maioría das existentes nas parroquias, pero non todas xa que hai vivendas en chan de núcleo rural ou urbano consolidado, que non cambiarán a súa condición. Isto ten unha implicación aos efectos do IBI, xa que Foz ata agora contaba co tipo do 0,52 para os inmobles urbanos e o 0,60 para os rústicos, dende que o goberno do Partido Popular o duplicou no ano 2013, pasando o tipo da rústica do 0,3 ao 0,6”.

A proposta da Delegación de Facenda do Concello de Foz consiste en “baixar o tipo rústico e igualalo co de categoría urbana, tratando de ser máis xusto cos habitantes de todo o concello. Se non se modifica así as vivendas das parroquias sofren un prexuízo, pasando a pagar máis que as do casco urbano ou ás que se sitúan en núcleo rural, polo que dende a concellería propoñemos un tipo igual para todos do 0,54: urbanos e rústicos. Isto deixaría a recadación municipal case sen incrementos nin decrecementos no próximo ano e sería máis xusto cos veciños”.

Ademais a proposta inclúe as bonificacións para bens de cooperativas agrarias, que terán unha bonificación do 95 por cento, así como para familias numerosas, que en inmobles con valores inferiores a 200.000 euros poderán ter unha bonificación de ata o 90%, segundo o seu nivel de ingresos. Estas bonificacións terán que ser solicitadas e presentar a documentación necesaria para poder aplicarse.

“Coas bonificacións buscamos unha maior xustiza social. Igualando o tipo impositivo evitamos a discriminación e unha recadación inxusta no rural”, finaliza a concelleira Inés López Couto.

Exit mobile version