Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela reuniuse co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para seguir planificando melloras nas dúas escolas infantís

A cantidade pagada cada ano polo Concello ao Consorcio é de 900€ por cada praza ocupada nas escolas

Burela, 29 de agosto de 2024. O Concello de Burela reuniuse unha vez máis co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para seguir planificando melloras nas dúas escolas infantís do municipio.

Anteriormente, a alcaldesa Carmela López e o concelleiro Ramiro Fernández Rey reuníranse co consorcio en Santiago Compostela ao rematar o curso para expoñerlles os problemas de ambas escolas.

“Acordamos conxuntamente realizar os investimentos necesarios nas mesmas para compensar a cuantía económica aportada anualmente polo Concello ao Consorcio, no réxime de cofinanciamento para escolas infantís”, explica Ramiro Fernández Rey, concelleiro de Obras.

Pola súa banda, Carmela López sinalou que “a boa relación do Concello de Burela co Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar e a xestión do Goberno local dan os seus froitos, e permiten que sigamos mellorando as escolas para a cativada do municipio”.

O Concello de Burela aporta cada ano 900€ por cada praza ocupada nos centros de educación infantil. No pasado ano 2023 foi aportado ao Consorcio un total de 120.600€ por parte da administración local.

Desta cantidade, 86.400€ foron aportados pola Escola Infantil de Burela, ubicada na zona de Vista Alegre, e 34.200€ pola Escola Infantil Os Castros. Ademais disto, o Concello faise cargo de gastos correntes e de mantemento que rondan os 20.000€ anuais.

Gracias a estas aportacións, un total de 67.000€ foron reinvestidos en melloras nos centros. 43.499,50€ destes serviron para mellorar o aillamento térmico na Escola Infantil de Vista Alegre. Os 23.000€ restantes foron investidos na Escola Infantil dos Castros: 18.000€ nunha bomba de calor e preto de 8.000€ no peche perimetral que se executará en breves.

Exit mobile version