Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela celebra o “éxito rotundo” da Feira do Bonito e a feira Produart

A alcaldesa Carmela López destaca a colaboración entre os concellos de Burela e Lourenzá nas feiras, que “contribúe na atracción de visitantes á feira, o que se traduce nun maior impacto económico”

Burela, 5 de agosto de 2024. O Concello de Burela celebra que a celebración da XXXVIII Feira do Bonito de Burela e a XXII Feira Produart, que tivo lugar a pasada fin de semana, foi “un éxito rotundo, consolidando a cita conxunta como un dos eventos máis importantes do municipio”.

A alcaldesa Carmela López realizou unha valoración moi positiva de ambas feiras, sinalando que “a participación masiva de veciñanza e visitantes foi un claro indicativo do aprecio e interese que xeran”.

“O delicioso bonito de Burela, preparado de múltiples formas, é sempre o punto forte da feira, ao que hai que sumar a variedade e calidade dos produtos de Produart, un atractivo que sumou moito na fin de semana”, indica a rexedora.

López destaca que as feiras tiveron “un impacto económico moi significativo, atraendo turismo e promovendo os negocios locais”. “Os comerciantes e hostaleiros informaron dun incremento notable nas súas vendas, o que demostra a importancia deste tipo de eventos para a economía de Burela”, subliñou.

“Ademais, as actividades culturais, deportivas e de ocio contribuíron a crear a mellor atmosfera festiva”, afirmou a alcaldesa, que engadiu que “grazas a todo isto, a Feira do Bonito 2024 foi un éxito total, amosando unha vez máis o valor da nosa tradición pesqueira e a capacidade de Burela para organizar eventos de alta calidade”.

Dende o Concello trasladaron o seu agradecemento polo traballo no evento aos voluntarios e voluntarias, ao persoal municipal, á SCR Ledicia, á Fundación Expomar e ó resto de entidades, asociacións, empresas e institucións “que axudan para que a fin de semana máis bonita do ano sexa cada vez mellor”. Tamén a veciños, veciñas e visitantes “por vivir a experiencia con nós”.

Carmela López quixo destacar así mesmo a colaboración entre os Concellos de Burela e Lourenzá na Feira do Bonito, “un exemplo de como a sinerxia creada permite ofrecer unha experiencia rica e diversa, promovendo a calidade dos produtos locais e fortalecendo a identidade e a economía comarcal”.

Nunha valoración compartida coa súa homóloga laurentina, Rocío López, considera que a cooperación entre ambos concellos “contribúe na atracción de visitantes á feira, o que se traduce nun maior impacto económico para os negocios locais”. Esta colaboración repetirase na Festa da Faba de Lourenzá, na que o bonito de Burela tamén terá o seu espazo.

Exit mobile version