Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela aplica a execución forzosa en fincas notificadas que seguen sen limpar e sanciona aos propietarios

En caso de que unha finca notificada pola infracción desta norma non fose limpada, o Concello procede á limpeza forzosa, que deberá ser pagada polo dono ou dona ademais da multa correspondente

Burela, 27 de agosto de 2024. O Concello de Burela informa de que continúa a aplicar a execución forzosa da limpeza daquelas fincas notificadas que permanecen en condicións insalubres e/ou causando problemas na vía pública.

No que vai do ano 2024 executáronse un total de 52 expedientes tramitados a través da Orde de Execución de limpeza de parcelas. No pasado ano 2023, foron máis de 100 os expedientes executados.

Xa se realizou a limpeza completa en máis da metade dos 52 casos deste ano, e a meirande parte dos restantes están próximos á resolución. Hai 6 fincas actualmente en execución subsidiaria, 5 delas xa executadas, e unha en curso.

Dende o Concello destacan que as persoas propietarias de parcelas teñen o deber legal de mantelas limpas e de que a vexetación non invada a vía pública, non sendo responsabilidade da administración local a súa limpeza.

En caso de que unha finca notificada pola infracción desta norma non fose limpada axeitadamente, o Concello procede á limpeza forzosa, que deberá ser pagada integramente polo dono ou dona, sumándose isto á multa correspondente.

O prazo para que se realice a execución forzosa é de 8 a 10 meses despois da notificación.

O custe medio por parcela, a abonar polo propietario en caso desta execución, é de 0’5€ por metro cadrado.

O incumprimento dunha Orde de Execución por parte do titular da parcela constitúe unha infracción leve, que conleva unha sanción de entre 300€ e 6000€ en atención ás circunstancias agravantes.

O Goberno local de Burela roga ás persoas propietarias a súa colaboración para evitar o pago da sanción e da execución forzosa por parte do Concello, empregada como último recurso.

Exit mobile version