Ribadeo, 14 de agosto, 2024. O BNG denuncia que despois da alerta desesperada que a veciñanza da zona tivo que facer ante a situación que leva vivindo desde comezos do verán. “Desde o BNG ribadense queremos alertar do retroceso que este concello está a vivir tamén no que ten a ver coa xestión de residuos”.
“Varias persoas alertaron de que o concello está a acumular lixo na nave da Virxe do Camiño, próxima a un centro educativo e a varios locais hosteleiros, incumprindo así as mínimas condicións de salubridade e hixiene”.
En palabras do voceiro municipal Pablo Vizoso: “O goberno municipal retrocede varias décadas na xestión do lixo, poñendo en risco a saúde pública intentando lavar a imaxe da súa ineficacia. Todo isto, tendo en conta que soamente no último ano se regalaron máis de 200 mil euros públicos a unha empresa privada cuns resultados desastrosos”.
O sistema en cuestión baséase na retirada de lixo de colectores desbordados que posteriormente se acumulan ao aire libre nesta céntrica nave e que son recollidos tras pasar unha semana, provocando malos olores e insalubridade.
É por isto que o BNG de Ribadeo exixe “o cese inmediato deste sistema de recollida do lixo e a organización seria e responsábel deste servizo básico”.