Site icon Crónica3.com A Mariña

Nacho García, de Ferrol a Burela para crear o tándem perfecto con David Rial

Máis xuventude e frescura no conxunto masculino do equipo burelés que configura un plantel técnico cheo de enerxía e gañas de traballar para afrontar unha complicada tempada en primeira división

Burela, 29 de agosto, 2024. Ignacio García Castro, Nacho García, de 26 anos, natural de Neda (A Coruña) e vixente adestrador de O Parrulo Ferrol FS xa forma parte do corpo técnico do conxunto masculino do Pescados Rubén Burela FS, acompañando a David Rial como segundo adestrador. O técnico nedense, aínda que xove, conta cun amplo currículo deportivo, tanto no ámbito educativo como no profesional, con experiencia como primeiro adestrador en segunda división tanto masculina como feminina, competindo a tempada pasada, entre outros, ante o equipo do que agora forma parte. Nacho comeza a súa formación na pista aos 18 anos, adestrando ás categorías inferiores de A Fervenza FSF de forma ascendente ata os 21, idade á que pasa a dirixir o A Fervenza FSF “B”. Na tempada 20/21 pasa a estar á fronte do primeiro equipo, en 2ª División de futsal feminino, no que lograron manter a categoría, ata a 22/23 que ficha polo Café Candeas O Parrulo B, de 2ª División B masculina, co que alcanzaron postos de playoff, pasando a ser primeiro adestrador do primeiro equipo do conxunto ferrolán, O Parrulo Ferrol FS, na seguinte tempada, 23/24. Ademais da experiencia profesional, Nacho García é Graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e conta co Nivel III de adestrador de fútbol sala.

Nesta pretempada 24/25 Nacho García xa é un máis do equipo conformado por David Rial para esta próxima tempada en Primeira División, na que o acompañará como segundo adestrador. Coa nova incorporación, Alfonso Mera será o preparador físico do equipo e Francisco García, “Pancho”, será adestrador asistente. Continúan Tulio García como fisioterapeuta, Luís Guillén como delegado, Javier Couce como médico e Anselmo seguirá sendo o mellor auxiliar. Fóra de pista tamén seguen formando parte do equipo Cristina Rodil como nutricionista e Miguel Murias como podólogo.

Exit mobile version