IA, intelixencia artificial: un desafío xa hoxe para o que consideramos ‘intelixencia natural’, ‘a nosa’; para nós que consideramos que somos os donos desa intelixencia natural (aínda que tantas veces sexa suposta ou mitificada).
En pouco tempo vimos como a chamada IA pasaba dunha posibilidade de ciencia ficción a superar en diversos quefaceres ‘intelixentes’ ás nosas máis preclaras intelixencias. E hai quen di que está próximo o día no que a IA empequenecerá en intelixencia xeral a calquera humano. A partir de aí, todos seríamos unha especie de subnormais fronte a esa nova intelixencia emerxente.
Incapaces de imaxinar un só futuro, temos moitos a disposición na nosa imaxinación, aínda que non é seguro que ningún deles acade o respaldo da futura realidade. Chega con ver as ilustracións que, xeradas a comezos do século XX ou mesmo a mediados, tentaban de representar como sería a vida nestes momentos e comparalas ca realidade. Mais, con predicións fallidas incluídas, non se pode dicir que non haxa avisos de posibilidades da IA, tanto das boas (as operacións clínicas autónomas e máis precisas que co manexo humano do bisturí chegan como mostra), como sobre todo das malas (de quitar empregos á xente a expandir a posibilidade de enganos por internet, entre outras moitas posibilidades). E tampouco que non haxa avisos de que o principal perigo próximo no tempo está non tanto no descontrol das máquinas intelixentes, escapando da supervisión humana, senón do control desas máquinas e en xeral, desa tecnoloxía, por só un puñado de xente xa cun gran poder previo, que sería potenciado por elas.
Se nos centramos nas posibilidades para o ben, pode experimentalas calquera obtendo en pouco tempo un plan de traballo para un curso, un diagnóstico, un plan de vacacións ou unha tradución. Polo momento, non deixa de ser unha nova ferramenta que hai que saber manexar para que entregue a saída que procuramos, mais o que se chama ‘nivel de entrada’ a esta tecnoloxía está cada día máis baixo, e cada día é máis doado o seu manexo. Claro que por outra parte chega un momento en que o aproveitamento da IA pola nosa parte hai que comparalo co aproveitamento noso (da nosa intelixencia ós nosos cartos, pero sobre todo dos nosos datos) por parte da IA e quen a controle, a modo desas situacións nas que na relación entre dúas persoas a dependencia cambia dunha á outra de xeito rápido polo uso que se fai da relación…
Coido que a cuestión está en procurar o equilibrio. Saberemos facelo nun mundo xa previamente desequilibrado? Lograrémolo?